Coñece os Camiños chega a Pantón para dar a coñecer o Camiño de Inverno
O programa Coñece os camiños celebrarase no concello de Pantón o vindeiro sábado 8 de outubro, nunha xornada cuxo centro de interese será o Camiño de Santiago.
Este acto que conta coa colaboración do concello, o Xacobeo 21-22, a Orde do Camiño de Santiago e a Xunta de Galicia, celebrarase no salón de actos da Casa da Cultura do concello de Pantón a partir das 11.30 horas da maña.
Tódolos interesados en asistir poden realizar xa as súas inscricións acudindo ao segundo piso da Casa da Cultura ou ben cunha chamada ao teléfono 982 456 377. Para ampliar calquera información acerca do evento, estarán dispoñibles tanto a páxina de facebook do concello coma o seu perfil en twitter ou instagram.
Con respecto ao programa que se levará a cabo durante este sábado, está previsto que ás 11.30 horas teña lugar a chegada ao concello de Pantón e unha recepción por parte tanto das autoridades do concello coma de varios membros da Orde. O evento non dará comezo ata as 11.45 horas.
Ás 12.00 horas realizarase a proxección dun vídeo do Xacobeo 2022 e posteriormente terán lugar dúas conferencias: ás 12.10 horas unha por parte da historiadora Flora Enríquez titulada “Pantón. Pequena Mesopotamia na Ribeira Sacra” e ás 12.30 horas a impartida por Noelia Fernández, técnico en Saúde Medioambiental e Prevención de Riscos que conta cun postgrado na Universidade de Santiago de Compostela (“El Camino de Santiago. Comportamiento de los Peregrinos”).
Continuando cos actos do día terá lugar unha actuación musical ás 13.10 horas que durará ata as 14.00, hora na que se realizará un almorzo-degustación de produtos típicos da comarca con reserva previa.
Xa ás 15.30 horas terá lugar a saída dende o restaurante O Mosteiro para unha visita guiada que comezará ás 15.45 horas e percorrerá o mosteiro circense do Divino Salvador, a parroquia de San Miguel de Eiré e a Adega Casa Moreiras. A actividade concluirá ás 17.30 horas.