Coñece a túa provincia visitará esta semana a Mariña, Ribeira Sacra e a Montaña

RibeiraSacraXa | LugoXa | AMariñaXa
Continúa o programa de viaxes gratuítas polo patrimonio lucense Coñece a túa Provincia. No que visitarán toda a provincia
10 May 2022

Continúa o programa de viaxes gratuítas polo patrimonio lucense Coñece a túa Provincia, no que entre hoxe e o venres participarán membros de oito asociacións da zona centro e sur.

Preto de 180 veciños da provincia benefícianse esta semana do programa da Deputación de Lugo Coñece a túa provincia, destinado a entidades sen ánimo de lucro dos 67 concellos da provincia. Trátase de membros de oito asociacións das zonas centro e sur de Lugo que percorrerán A Mariña, descubrindo a costa e o interior, ademais da Ribeira Sacra e a zona de Montaña.

Este martes, a Asociación de Veciños do Barrio de Cobas, de Monforte, e a Asociación de Mulleres Rurais Santa Isabel, de Outeiro de Rei, son os dous primeiros colectivos en participar esta semana nas visitas. Os monfortinos coñeceron este martes as instalacións e o traballo que desenvolve a Deputación de Lugo na Granxa Gayoso Castro da man do Deputado de Recursos Sostibles, Roberto Fernández Rico, para, posteriormente poñer rumbo á costa e descubrir as praias de Barreiros, así como o patrimonio natural e cultural de Ribadeo. Por outro lado, os membros da asociación de Outeiro de Rei visitou o Pazo de San Marcos acompañada pola Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, e achegáronse á Ribeira Sacra para visitar os concellos de Pantón e Carballedo.

O mércores será a quenda da Asociación Sénior de Telefónica, que percorrerá o interior da Mariña cunha visita aos concellos de Trabada, A Pontenova e Riotorto, ademais de coñecer o Pazo de San Marcos e sede da institución provincial. Cervantes e Navia de Suarna, cunha visita á aldea do Piornedo ou a unha fábrica de embutidos, será o destino da Asociación de Amigos da Feira, de Castro de Rei. 

A Granxa Gayoso Castro será a primeira parada da Asociación de Veciños de Marce, de Pantón, que o xoves coñecerá os concellos do Valadouro e Alfoz percorrendo algúns dos seus recursos, como o Pozo da Onza ou o Castelo de Castrodouro. Pola súa banda, a Asociación de Veciños Virxe da Saleta, de Castro de Rei, viaxará á Ribeira Sacra e percorrerán o centro histórico de Monforte, coñecendo o seu pasado. Antes, farán unha parada no Mazo de Santa Comba, de titularidade da Deputación de Lugo.

Alumnos e alumnas do CEIP Virxe da Luz de Portomarín e a Asociación Sociocultural de Veciños de Santiago de Reigosa, de Castro de Rei, completan as viaxes desta semana. O estudantado visitará as instalacións da produtora audiovisual da Deputación de Lugo e, continuará a viaxe polos concellos de Xove e Viveiro. A veciñanza de Castro, pola súa banda, coñecerán as instalacións e o traballo que se realiza na Granxa Gayoso Castro para poñer posteriormente rumbo aos concellos de Cervantes e Navia de Suarna. 

Máis de 600 persoas de preto de 30 asociacións participaron no que vai de tempada nas viaxes gratuítas pola xeografía lucense impulsadas pola institución provincial en apoio á actividade do turismo, a hostalaría e o comercio local. O programa Coñece a túa provincia conta con dúas quendas que permitirán descubrir a provincia a 3.000 usuarios e usuarias dun total de 135 entidades en primavera, entre marzo e xuño, e en outono, de setembro a novembro.  

García Porto destacou que “esta iniciativa busca seguir favorecendo o coñecemento da provincia entre a veciñanza, apoiar ao sector turístico, hostaleiro e comercial, e consolidar un modelo de turismo de calidade, sostible, con capacidade para atraer visitantes ao longo do ano, que pon en valor o patrimonio e que mantén e crea emprego, sobre todo no rural”.

Coñece a túa provincia inclúe o transporte de balde para os traslados de ida e volta dende o lugar ou lugares de orixe, póliza de seguros de viaxeiros, menú de xantar, e entradas e visitas a diferentes lugares de interese da provincia de Lugo. Estas visitas serán realizadas por profesionais que contan coa habilitación de guía oficial de turismo de Galicia e polo persoal de atención ao público nos diferentes museos, empresas ou obradoiros sinalados nos itinerarios do programa. 

0.096930980682373