Conde aposta en Monforte pola modernización industrial como garante de emprego

RibeiraSacraXa
O vicepresidente económico da Xunta reuniuse cos empresarios de Monforte e co alcalde de Bóveda para informar das axudas do goberno autonómico
conde con empresarios castelo monforte
6 Feb 2021

O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, estivo este venres na zona sur da provincia. Primeiro en Monforte, onde mantivo un encontro coa Asociación de empresarios O Castelo, o logo en Bóveda, para se reunir co rexedor municipal.

No encontro cos empresarios monfortinos, Conde fixo fincapé na importancia da modernización industrial como garante da creación de emprego e da cohesión territorial. Neste sentido, subliñou que iniciativas como o Polo para a Transformación de Galicia, unha iniciativa de colaboración público-privada que agrupa oito proxectos cos que optar aos fondos europeos Next Generation e mobilizar 3.300 millóns de euros, e a Lei de reactivación, que se está a tramitar no Parlamento de Galicia, "evidencian o compromiso da Xunta coa industria e coa busca de novas oportunidades, especialmente para as pequenas e medianas empresas e para as zonas rurais", dixo.

Neste ámbito, lembrou que a Xunta destinará este ano oito millóns a bonificar a compra das 545 parcelas dispoñibles nos seus parques empresariais. No tocante ao solo correspondente ao concurso de venda empresarial de Xestur que se activará proximamente, estarán dispoñibles no porto seco 10 parcelas que suman 35.444 metros cadrados, e en Bóveda seis cun total de 4.643 metros cadrados. En ambos casos, cunha bonificación do 50% sobre o prezo de venda, a máxima dispoñible.

Francisco Conde fixo fincapé en que a recuperación "só é posible" se a Administración, axentes sociais e económicos "camiños xuntos, apostando polo diálogo e a colaboración". Os empresarios, que lle trasladaron diferentes propostas ao conselleiro, recibiron ademais información sobre as liñas de apoio abertas pola administración autonómica en eidos como o financiamento, a eficiencia enerxética ou a internacionalización.

Conde valorou este tipo de xuntanzas, "que permiten coñecer a situación actual na comarca a nivel empresarial, as novas iniciativas que se están a desenvolver e ver como poder atender as necesidades neste eido para facer fronte ao impacto da pandemia, así como traballar de cara a futuro para identificar proxectos que se poidan dinamizar a través dos fondos europeos Next Generation", asegurou.

VISITA A BÓVEDA

Trala reunión cos empresarios de Monforte, Francisco Conde desprazouse ao concello de Bóveda, onde abordou co alcalde, José Manuel Arias, distintas vías de colaboración para seguir a dinamizar o tecido empresarial local. Neste sentido, o conselleiro trasladoulle ao rexedor información sobre os apoios cos que conta a Consellería para axudar aos concellos na mellora de parques empresariais e a creación de viveiros industriais.
Aproveitaron ademais a xuntanza para percorrer as instalacións do Consistorio e ver as últimas melloras que se levaron a cabo e que contaron coa financiación do Goberno galego.
0.20692801475525