Con 16.000 hectáreas calcinadas, o incendio de Chandrexa de Queixa é xa o máis grande da historia de Galicia desde que hai rexistros

Con máis de 16.000 hectáreas calcinadas, o incendio que afecta ao municipio de Chandrexa de Queixa converteuse xa no máis grande de Galicia desde que existen rexistros. O lume continúa activo e esténdese tamén aos termos municipais de Manzaneda, Montederramo, A Pobra de Trives, O Bolo e Laza.
A orixe deste gran incendio está en varios focos que comezaron en diferentes días. O venres 8 ás 12:51 horas iniciouse un lume na parroquia de Requeixo (Chandrexa de Queixa). O martes 12 rexistrouse outro na parroquia de Parafita, no mesmo municipio. A estes sumouse a reactivación do incendio declarado en Vilariño de Conso, parroquia de Mormentelos, que se iniciara o domingo 10 ás 17:30 horas e que permanecía estabilizado desde a noite do luns.
Os tres focos acabaron por unirse nun único incendio, que avanza sen control. Segundo as últimas estimacións provisionais, a superficie afectada alcanza xa as 16.000 hectáreas.
Para as tarefas de extinción mobilizáronse de forma acumulada 23 técnicos, 127 axentes, 143 brigadas, 98 motobombas, 15 pas, 14 unidades técnicas de apoio, 20 helicópteros e 17 avións. No operativo participan tamén efectivos da Unidade Militar de Emerxencias (UME).