Compran dous novos furgóns para os bombeiros da provincia

RibeiraSacraXa | TerraChaXa | SarriaXa | AMariñaXa
O Consorcio de Bombeiros mellorará a súa capacidade de actuación con dous novos furgóns de salvamento 4x4 e máis traxes.
Pleno Consorcio de Bombeiros deputacion
19 Mar 2021

O presidente da Deputación e do Consorcio Provincial de Lugo para a Prestación do Servizo contra Incendios e Salvamento, José Tomé Roca, presidiu este xoves o Pleno do órgano de xestión dos seis parques da provincia, unha sesión celebrada no Salón de Plenos do Pazo de San Marcos, na que se aprobou a modificación do Orzamento para 2021 por vía de crédito extraordinario para a compra de dous furgóns de salvamento e de dous traxes que aumentarán a protección dos efectivos.

En concreto, aprobouse a adquisición cunha partida de 323.000€ de dous furgóns de salvamento con dimensións máis reducidas e tracción 4x4, que permitirán realizar rescates nun menor tempo e chegar a zonas de difícil acceso. Ambos vehículos, que se sumarán ao parque móbil do Consorcio de Bombeiros, estarán dotados con material que permitirá a atención a persoas con equipos de respiración, ademais de ferramenta de excarceración a batería ou un xerador. Tamén substituirán aos camións de primeira saída cando causen baixa por mantemento ou reparacións.

Os 117 efectivos provinciais sumarán tamén, tras a aprobación no Pleno, dous traxes que permitirán reducir os riscos nas actuacións. Esta indumentaria aporta confortabilidade e facilita o traballo dos bombeiros en actuacións de menos risco e de larga duración, ao tratarse de equipamentos máis liviáns. O custe deste traxe de rescate técnico é de 28.659 euros.  Tamén se aprobou a adquisición dun traxe de condicións climatolóxicas adversas composto por unha parka e un cubrepantalón, cun custo de 46.250 euros.

Este novo material de protección súmase aos 122 traxes fabricados con tecido PBI, moito máis lixeiros, ergonómicos e que soportan unha maior temperatura, que xa foron adquiridos recentemente polo Consorcio. A compra, que protexerá aos 117 efectivos da provincia na súa labor de extinción de incendios, tivo un investimento de 156.138 €.

O Consorcio Provincial de Lugo para Prestación do Servizo contra Incendios e Salvamento está formado pola Deputación de Lugo e a Xunta de Galicia ao 50%, e inclúe os parques de Monforte de Lemos, Barreiros, Chantada, Vilalba, Sarria e Viveiro. Actualmente dispón de 117 efectivos.

0.19125699996948