Comezaron as xornadas 'Camiños de coñecemento e experiencia. Proxecto de democratización do coñecemento' en Monforte
O Centro Cívico de Monforte acolleu a inauguración das xornadas 'Camiños de coñecemento e experiencia. Proxecto de democratización do coñecemento', encadradas dentro un programa de formación universitaria dirixido a maiores de 50 anos, froito do acordo que a entidade monfortina estableceu coa Universidade de Santiago de Compostela (USC).
O programa de formación universitaria, que por quinta vez se celebra en Monforte con estas características, está composto por diversos seminarios formativos, totalmente gratuítos. Neste senso, cabe destacar o éxito no número de inscricións, que se cifra en 42 persoas.
Nestas xornadas, púidose inscribir calquera persoa maior de 50 anos, de xeito totalmente gratuíto, e non era necesario posuír ningunha formación previa específica. A concelleira, Gloria Prada, destacou na súa intervención que “para o Equipo de Goberno do Concello e para Monforte é moi importante que se celebren este tipo de xornadas na nosa cidade, dirixidas á nosa poboación maior de 50 anos, que moitas veces non ten nin os recursos nin a oportunidade de acceder a este tipo de coñecementos”.
Neste senso, concluíu Prada “con este programa garantimos o dereito de todos os cidadáns ó acceso a educación superior independentemente da súa idade, xénero, domicilio ou recursos, é dicir, contribuímos á democratización do coñecemento entre os nosos cidadáns”.
PROGRAMA
O programa de seminarios e activades prácticas desenvólvense no Centro Cívico de Monforte contará con actividades teóricas e prácticas.
- Seminario 'Astronomía nun día solleiro: os reloxos de sol' o 24 de maio de 16.30 a 18.00 horas e impartido por Manuel Andrade Baliño, docente da Escola Politécnica Superior e do Programa Universitario de Maiores, IV Ciclo.
- Sesión práctica de construción dun reloxo de sol e aprendizaxe do seu uso o 27 de maio de 16.30 a 18.00 horas e impartido por Manuel Andrade Baliño, docente da Escola Politécnica Superior e do Programa Universitario de Maiores, IV Ciclo.
- Seminario 'A educación para a cidadanía global e un consumo responsable o 28de maio de 16.30 a 18.00 horas impartido por Ana Lampón, Solidariedade Internacional e Colaboradores do Programa Universitario para Maiores IV Ciclo.
- Obradoiro práctico-xogo 'A educación para a cidadanía global e un consumo responsable' o 29 de maio de 16.30 a 18.00 horas impartido por Ana Lampón, Solidariedade Internacional e Colaboradores do Programa Universitario para Maiores IV Ciclo.
- Seminario 'O Parador de Monforte de Lemos' o 30 de maio de 17.00 a 19.00 horas e impartido por Patricia Cupeiro López, profesora da Facultade de Humanidades e profesora do Programa Universitario de Maiores, IV Ciclo da USC.
- Percorrido cultural nos alendaños do parador de Monforte de Lemos o 31 de maio de 17.00 a 19.00 horas e impartido por Patricia Cupeiro López, profesora da Facultade de Humanidades e profesora do Programa Universitario de Maiores, IV Ciclo da USC.