Comezan os traballos para mellorar a contorna do Parque dos Condes de Monforte

RibeiraSacraXa
Comezan os traballos para mellorar a contorna do Parque dos Condes de Monforte co baleirado da auga da lagoa
Parque dos condes Monforte
19 Xuño 2023

As brigadas municipais do Concello de Monforte inician hoxe, luns 19 de xuño, os traballos de limpeza e acondicionamento da lagoa do Parque dos Condes. Neste labor de limpeza contan co apoio da empresa Excavaciones y Transportes Ayán S.L.

O obxectivo desta iniciativa é manter en bo estado esta zona da cidade: “A chegada de visitantes, co inicio dos meses de verán e a ubicación privilexiada da Lagoa, no centro da cidade e integrada nun dos parques máis utilizados polos monfortinos e monfortinas, fai máis que necesaria a súa limpeza, que dende o Concello levamos a cabo ano a ano por estas datas”, indica o rexedor municipal.

Os traballos de limpeza consisten no baleirado da auga, que se levará a cabo utilizando unha máquina motobomba para extracción de líquidos. Posteriormente, procederase a extraer cunha máquina paleadora todo o lodo que se foi depositando no fondo da lagoa durante este inverno.

Para desenvolver ditos traballos, emprégase unha bomba cuxo aluguer ascende a 300 euros, mentres que o custe dos traballos da empresa contratada ascenden a aproximadamente 5.000 euros. “A lagoa é un dos espazos máis emblemáticos da nosa cidade e unha das zonas que atrae un maior número de visitantes e tamén é un dos lugares máis frecuentados polos veciños e veciñas para dar paseos”, destaca o alcalde.

O mandatario municipal engade que “por iso, consideramos que a limpeza e o mantemento da lagoa é unha tarefa imprescindible para poder dar unha boa imaxe, para que os monfortinos e monfortinas desfruten da mesma, e que esta zona sexa unha das nosas mellores cartas de presentación”.

Complementando os traballos de limpeza da lagoa, operarios municipais procederán tamén a desbrozar o entorno da mesma, “todo isto para conseguir que esta zona da cidade presente unha imaxe o máis apropiada posible”, indica o mandatario local.

0.1965548992157