Comezan os traballos de roza na vía de altas prestacións de Monforte
Comezan os traballos de roza e limpeza nas marxes de estradas autonómicas de Lugo. As novas tarefas de mantemento realizaranse nas marxes da vía de altas prestacións CG.2.1, en Monforte de Lemos.
O conxunto de traballos realizados no marco deste contrato, renovado coa empresa pública Seaga para os vindeiros 12 meses, completan os que se veñen realizando ao longo do ano polo servizos ordinarios de conservación de estradas autonómicas. Así, impúlsase a roza de vexetación de dominio público destas estradas e o apoio aos labores de conservación de zonas verdes en sendas peonís e glorietas.
Estas actuacións contribúen á prevención dos lumes, ao eliminar especies pirófilas como o piñeiro, o eucalipto ou a acacia nas marxes das vías. Dáse así cumprimento á Lei 3/2007, de 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia recolle o obxectivo da rotura da continuidade horizontal e vertical da biomasa, de modo que as estradas actúen con efecto de cortalumes.
O control da vexetación tamén supón a mellora da seguridade viaria. Os traballos proxectados eliminarán árbores que poderían caer á calzada en caso de temporal e evitarán que invadan as beiravías ou beirarrúas, facilitando o tránsito de peóns e ciclistas. Ademais, serve para aumentar a visibilidade dos usuarios e consegue o efecto de afastar da estrada animais como xabarís ou corzos.
Este contrato tamén posibilitará dar cumprimento ao acordo do Pleno do Parlamento de Galicia do 25 de setembro de 2019, polo que se insta ás administracións públicas a impulsar unha redución progresiva do uso de herbicidas nas marxes das estradas.