Comezan os traballos de limpeza do xacemento Penas do Castelo na Pobra do Brollón
Comezan os traballos de roza do xacemento medieval Penas do Castelo, situado na ribeira do Río Lor na parroquia de Salcedo, A Pobra do Brollón. Os traballos serán realizados pola empresa forestal Foresga e supervisados pola empresa Árbore Arqueoloxía e Restauración.
"O control arqueolóxico garante que o xacemento non sufra danos durante a roza", comenta Benito Vilas, arqueólogo. "Grazas a esta limpeza comprenderemos mellor este xacemento, polo de agora bastante enigmático, así como as súas dimensións e límites".
Tal e como aparece na ficha de catalogación, pola súa forma e tipoloxía o máis probable é que se trate dun xacemento altomedieval e non se descarta que teña unha orixe anterior, na primeira Idade do Ferro.
O xacemento presenta un sistema defensivo monumental e moi visible, ademais está nunha situación privilexiada sobre o río Lor con magníficas vistas da paisaxe.
"Este sitio é un recurso de gran interese na rede de recursos arqueolóxicos visitables no noso Concello, polo que este verán xa estará incluído no circuíto de visitas guiadas", comenta o alcalde, Xosé Lois Maceda.
A intervención está enmarcada no proxecto Penas do Castelo que se define como de arqueoloxía de aldea, promovido pola Asociación Veciñal e a Comunidade de Montes de Salcedo, e mais o Concello da Pobra do Brollón.
O proxecto vén de publicar uns vídeos nos que os veciños falan do que consideran o elemento patrimonial máis importante da aldea para cadaquén. Os vídeos continuarán a publicarse nos perfís de Facebook (@penasdocastelo) e Instagram (@penas_do_castelo).
Máis alá da roza e o traballo audiovisual cos veciños, están previstas outras accións e actividades. "Trátase de crear dinámicas comunitarias a través da arqueoloxía", comenta Marisa Defente, membro das directivas da Comunidade de Montes e da Asociación Veciñal. "Ademais, crearemos un recurso turístico interesante para os negocios da aldea ao tempo que un recurso didáctico e de pertenza para os máis pequenos".