Comezan os traballos de limpeza da lagoa do Parque dos Condes, en Monforte

RibeiraSacraXa
Os traballos consisten no baleirado da lagoa e na retirada dos lodos acumulados ao longo do ano, cun orzamento aproximado de 5.000 euros
traballos-lagoa-parque-dos-condes
Traballos na lagoa do Parque dos Condes
17 Jun 2025

As brigadas municipais do Concello iniciaron este luns, 16 de xuño, os traballos de limpeza e acondicionamento da lagoa do Parque dos Condes. Nestes labores contan co apoio da empresa Excavaciones y Transportes Ayán S.L.

A limpeza da lagoa do Parque dos Condes lévase a cabo anualmente desde que José Tomé Roca accedeu ao goberno de Monforte. Neste sentido, este foi e segue a ser un dos seus compromisos para manter en bo estado esta emblemática zona da cidade. “A chegada de visitantes co inicio dos meses de verán e a localicación privilexiada da lagoa, no centro da cidade e integrada nun dos parques máis frecuentados polos monfortinos e monfortinas, fan necesaria a súa limpeza, que desde o Concello realizamos cada ano por estas datas”, sinala o alcalde, José Tomé Roca.

Esta é a undécima limpeza que leva a cabo o Executivo de José Tomé na Lagoa dos Condes desde a súa chegada ao goberno municipal no ano 2015.

O primeiro paso consiste no baleirado da auga, que se realiza mediante unha motobomba para a extracción de líquidos. A continuación, procédese á retirada dos lodos depositados no fondo durante o inverno, utilizando unha máquina paleadora.

Para levar a cabo estes traballos, emprégase unha bomba cuxo alugueiro ascende a 300 euros, mentres que o custo dos traballos da empresa contratada elévase a arredor de 5.000 euros.

“A lagoa é un dos espazos máis emblemáticos da nosa cidade. Co Parque dos Condes ao seu redor, trátase dunha das zonas que atrae un maior número de visitantes e tamén é moi frecuentada polos veciños e veciñas para pasear”, destaca o alcalde.
O mandatario municipal engade que “por iso, consideramos que a limpeza e o mantemento da lagoa é unha tarefa imprescindible para ofrecer unha boa imaxe da cidade, para que os monfortinos e monfortinas poidan desfrutala e para que esta zona sexa unha das nosas mellores cartas de presentación”.

Complementando os traballos de limpeza da lagoa, os operarios municipais procederán tamén a rozar a vexetación do seu contorno, “todo isto para conseguir que esta zona da cidade presente a mellor imaxe posible”, conclúe o alcalde.

⚙ Configurar cookies
0.16543102264404