Comezan os cursos gratuítos para maiores no Multiusos de Chantada

O Edificio Multiusos de Chantada iniciou nestes días unha nova edición dos cursos gratuítos dirixidos a persoas maiores de 65 anos e xubiladas, organizados polo Concello a través da área de Servizos Sociais. As actividades desenvólvense nunha aula do propio Multiusos e manteñen, un ano máis, unha elevada participación.
Entre as propostas que continúan figuran os cursos de pintura ao óleo e pintura en tea, que contan tradicionalmente cunha gran aceptación por parte da veciñanza. Nesta edición, cada unha destas actividades reúne arredor dunha trintena de persoas inscritas. As clases de pintura ao óleo impártense os mércores, mentres que as de pintura en tea se desenvolven os venres, ambas en horario de tarde, de 16:30 a 19:30 horas.
A estas iniciativas súmanse dous novos cursos incorporados en setembro de 2025 tras a demanda amosada pola cidadanía. Trátase do curso de bordado, que comezou o pasado 19 de xaneiro e conta con 29 persoas inscritas, e o de encaixe de bolillos, iniciado o 27 de xaneiro, para o que foi necesario limitar a inscrición a 25 participantes debido ás características da actividade.
Desde o Concello de Chantada destacan a boa acollida de todas as propostas e o elevado número de persoas participantes, especialmente nas novas incorporacións. As persoas interesadas en obter máis información poden dirixirse aos Servizos Sociais municipais, en horario de 9:00 a 14:00 horas, ou contactar a través do teléfono 982 462 299.
Ademais, desde a área de Servizos Sociais xa se traballa na programación de actividades semellantes no ámbito rural, co obxectivo de achegar este tipo de formación ás distintas parroquias do municipio. Está previsto que o vindeiro mes se publique a listaxe de cursos dispoñibles para que as parroquias interesadas poidan inscribirse. Estas iniciativas sumaríanse ás actividades físicas e deportivas que xa se desenvolven dentro do programa Actívate no Rural.