Comezan os campamentos de verán en Ribas de Sil

Este martes 1 de xullo deron comezo os campamentos de verán en Ribas de Sil, cun numeroso grupo de nenos e nenas acompañados polos seus monitores principais, ademais de oito mozos voluntarios que participan no programa de voluntariado. A concelleira María del Carmen González Vázquez, coordinadora da actividade, foi a encargada de inaugurar oficialmente o campamento.
A mañá transcorreu xunto ao río Sil, na Aula de Pesca de San Clodio, cun ambiente de entusiasmo e ilusión entre todos os participantes, que se preparan para un verán cheo de aventuras e aprendizaxes.
Os máis pequenos, de entre 3 e 6 anos, dedícanse a actividades manuais e artísticas, como crear animais con cartolina, participar en xogos de adiviñas, pintura con Pluffi, globos máxicos e retos relacionados con froitas e verduras. Tamén gozan de visitas, da creación de murais e da esperada Semana do Entroido, con disfraces e moito colorido.
O grupo de entre 7 e 9 anos conta cunha programación variada que inclúe xogos cooperativos, creacións artísticas como pintura en pedras e figuras de arxila, experimentos científicos como a construción dun volcán, actividades deportivas, xogos de mesa e retos temáticos semanais. Ademais, realizan visitas ao CIM e gozan de sesións de contacontos e historias de radio.
Os maiores, de 10 a 12 anos, participan en actividades máis dinámicas e reflexivas, como xogos de estratexia, talleres de emocións, creación de pulseiras, bingo, fútbol, expresión artística con flores e camisetas tie-dye, así como xogos intelectuais como o cubo de Rubik e xogos de rol.
Todos os grupos comparten o espírito de colaboración e diversión, con dinámicas conxuntas como a creación da mascota do campamento, retos semanais e a celebración da Semana do Entroido. Os nenos e nenas poden incorporarse en calquera momento do verán, e toda a información está dispoñible nas oficinas do Concello de Ribas de Sil.
Esta iniciativa do Concello conta coa financiación da Xunta de Galicia, do Ministerio de Igualdade a través do programa Corresponsables, e da Unión Europea.