Comezan as obras do acceso provisional a Folgoso do Courel para restituir o tráfico na LU-651
Os veciños de Folgoso do Courel están de noraboa xa que a Xunta vén de adxudicar as obras de execución do acceso provisional ao municipio co fin de restituír o tráfico na estrada LU-651.
Esta intervención, adxudicada á empresa Grupo Bascuas 2008, suporá un investimento de case 917.000 euros. As obras comezarán de forma inmediata e o obxectivo é que estean rematadas a finais de xuño, ao ter un prazo de execución de 6 semanas aproximadamente.
A Xunta acordou co Concello de Folgoso do Courel acometer este acceso provisional mentres se avanza na definición e trámites da alternativa definitiva máis segura e viable.
O novo acceso, que se desenvolverá nas proximidades do treito afundido, terá unha lonxitude duns 740 metros e posibilitará garantir a mobilidade na contorna, tamén para vehículos pesados, sendo a alternativa máis eficiente a curto prazo.
A vía facilitará as comunicacións dos veciños, que agora deben circular pola estrada que pasa pola Campa e Vidallón, que non ofrece a funcionalidade suficiente.
TRÁFICO CORTADO
A estrada LU-651 permanece cortada ao tráfico entre Quiroga e Folgoso como consecuencia do desprendemento rexistrado á altura do quilómetro 18, na zona Santa Eufemia, o pasado 20 de marzo.
A Xunta actuou desde o primeiro momento que tivo lugar o afundimento, traballando na declaración de emerxencia para poder executar a obra coa máxima axilidade posible e cunha solución rápida e segura.
Ademáis, a Consellería de Infraestruturas realizou unha campaña de sondeos xeotécnicos na zona do afundimento para coñecer en profundidade o estado e o comportamento do terreo co fin de poder avaliar a viabilidade das distintas alternativas e o restablecemento da conexión viaria.