Comezan as obras de urbanización e dotación de servizos da Zona C de Monforte de Lemos
O alcalde de Monforte, José Tomé Roca, ven de anunciar o inicio, na maña de hoxe, das obras de urbanización e dotación de servizos da Zona C, que comprende os terreos localizados entre a rúa Rof Codina e o barrio de Cobas. Este proxecto construtivo foi adxudicado á empresa Misturas Obras e Proxectos S.A. por un importe de 915.225,85 euros (IVE engadido).
“Estas obras van permitir eliminar a balsa de maleza que existe dende o final da rúa Rof Codina ata a rúa Cobas e na rúa Fontecha, abrindo novos viais, creando novas parcelas para edificar e unha nova zona verde axardinada arredor da Gardería Municipal” destacou o rexedor municipal. “Con estas obras imos cambiar a fisonomía da cidade, mellorando a trama urbana e poñemos en valor, unha zona da cidade moi preto do monumento da Nosa Señora da Antiga, que sen dúbida vaille dar unha maior calidade urbana a esa parte de Monforte”.
Neste senso, os traballos que foron iniciados no día de hoxe, comezarán pola roza do terreo a través de maquinaria específica para esta actuación.
O proxecto conta cunha axuda de 300.000 euros aportados pola Deputación de Lugo, sendo o resto do orzamento aportado polo Concello monfortino, é dicir, 618.165,09 euros, un 67,33% do total.
O remate das obras está previsto que sexa, se todo avanza segundo os prazos determinados, estímase no verán deste ano 2022.
Proxecto de urbanización e dotación de servizos da Zona C
A superficie resultante, unha vez urbanizados estes terreos, serán 6.323 metros cadrados para rúas novas, para espazos libres e axardinados, 8.982 metros cadrados e, para solares, 5.785 metros cadrados.
O aproveitamento urbanístico destes 5.785 metros cadrados urbanizables é de 22.230 metros cadrados edificables, dos cales 4.744 metros cadrados serían baixos e 17.486 metros cadrados serán para vivendas.
As edificacións serán de baixo máis tres alturas, na marxe dereita con fachada e traseira e na marxe esquerda deberán ser dobre fachada, por contar con paseos peonís entre os edificios e a zona axardinada.
Os accesos á Gardería Municipal van ser peonís por seguridade dos nenos e das nenas que acudan a esta gardería, tendo a posibilidade de estacionar moi preto a ambos lados da Gardería, tanto no Parque dos Condes como na nova rúa que se vai construír.
Tanto as novas beirarrúas como o acceso peonil á Gardería, serán de lousas de granito, o que vai realzar a singularidade desta urbanización.
Nas rúas de nova creación, vanse crear 67 prazas de estacionamento e 3 para persoas con discapacidade, o que facilitará a mobilidade de todos os veciños e veciñas de Monforte.
“Con este proxecto melloraremos as comunicacións dende a Avenida de Galicia a través da rúa Rof Codina ó barrio de Cobas, dándolle unha solución urbanística de menor impacto ó final dos edificios da rúa Rof Codina, especialmente no remate da beirarrúa da esquerda e valorizando toda esa zona” recorda o rexedor monfortino.
Ademais de novas rúas e de parcelas edificables, tamén haberá unha nova zona axardinada duns 6.000 m2 aproximadamente arredor da Gardería Municipal e do borde ó longo do río Cabe, dándolle unha semellanza ó xardín do Parque dos Condes, quedando as dúas marxes do río Cabe como zonas verdes, poñendo en valor esa zona da cidade.
Antecedentes
O terreo, denominado “Zona C”, foi calificado como solo urbano non consolidado, polo Pleno do Concello de Monforte celebrado o 12 de abril do ano 2000, fai máis de 20 anos, sendo publicado no BOP de 26 de abril e publicado no DOG de 27 de abril dese mesmo ano. Mediante ese acordo plenario produciuse unha modificación das Normas Subsidiarias de Planeamento Municipal, que permiten urbanizar esas zonas e poñelas ó servizo da cidade de Monforte.
Para poder levar a cabo esta urbanización, o primeiro paso dado foi levar a cabo o Proxecto de Reparcelación da “Zona C”, desenvolto pola empresa MONSA Urbanismo, e aprobado inicialmente na Xunta de Goberno do Concello, en data 23 de novembro de 2020.
O 9 de decembro de 2020, iniciouse o proceso de notificación ós donos das parcelas afectadas por este proxecto, notificación que foi realizada polos Axentes da Cidadanía do Concello, domicilio a domicilio.
O seguinte paso foi a exposición pública durante un mes, que empezou a contar dende a notificación ós afectados polas fincas que se reparcelan.
A aprobación do proxecto definitivo así como a resolución das alegacións presentadas tivo lugar en Xunta de Goberno deste Concello o pasado 16 de xuño de 2021.
Rematados estes trámites administrativos, dende o Concello procedeuse a elaborar o proxecto construtivo, que unha vez elaborado, foi presentado hoxe polo Alcalde xunto co anuncio da licitación das obras do citado proxecto. Unha vez adxudicado e contratada a empresa adxudicataria, esta realizará as obras de urbanización propiamente ditas, nun prazo estimado de 8 meses.
O Alcalde destaca que co inicio das obras de urbanización da Zona C “imos cambiar a fisionomía da cidade de Monforte, poñendo en valor unha zona que estaba abandonada e que dende o punto de vista da mellora urbana, supón un salto cualitativo moi importante, porque con proxectos coma este, Monforte, vai seguir avanzando”.
“O proxecto de urbanización da Zona C vai ser pioneiro en Monforte e en moitos outros concellos de Galicia, pois hai moi pouca experiencia neste tipo de urbanizacións, e a través del imos mellorar urbanisticamente unha zona sensible para a nosa cidade, que cada vez ten máis vida, como é a contorna do río, a proximidade do conxunto monumental de Nosa Señora da Antiga, máis coñecida como Escolapios, e o Barrio de Cobas”.