Comezan as obras de mellora na estrada que une Monforte co Alto do Faro
Iniciadas as obras de mellora do firme en 12 km da vía de altas prestacións que une Monforte de Lemos co Alto do Faro.
Esta intervención forma parte do contrato para o acondicionamento desta vía do sur da provincia de Lugo, no que se inclúe tamén as obras de rehabilitación do firme na LU-533, entre Chantada e Escairón.
As actuacións nestas dúas estradas suporán un investimento global de 2 millóns de euros e contan cun prazo de execución de 6 meses.
Os traballos están a comezar na vía de altas prestacións de conexión con Chantada, que continúa cara a Lalín, concretamente o treito que vai do punto quilométrico 4+900 ao 16+500. Cómpre lembrar que é necesario o corte dun carril da vía, dando paso alternativo ao tráfico polo outro, quedando a estrada sen cortes en horario nocturno e en días non laborables.
As obras na CG-2.1 consisten na extensión dunha capa de rodadura en toda a lonxitude da estrada, polo que para a realización destes traballos é necesario o corte dun carril, dando paso alternativo ao tráfico polo outro.
A outra intervención de acondicionamento do firme que se vai executar no marco deste contrato, desenvolverase nun tramo de algo máis de 10 km da LU-533, a estrada autonómica que comunica Chantada e Escairón.
Estas tarefas permitirán a mellora do firme nas dúas vías autonómicas, ao seu paso polos municipios de Monforte de Lemos, de Pantón, do Saviñao e de Chantada.