Comezan as obras de mellora do firme na estrada LU-P-3202 ao seu paso polo Saviñao
A Deputación de Lugo deu comezo ás obras de mellora do firme na estrada provincial LU-P-3202, a vía que conecta Monforte de Lemos e Currelos, no Concello do Saviñao.
Unhas actuacións nas que a institución provincial inviste preto de 230.000 euros e que afectan a un tramo de case 14 quilómetros, concretamente no treito que vai do punto quilométrico 11,067 ao 24,436.
Este é o cuarto proxecto que acomete a Deputación nesta vía, na que leva destinados un total de case 732.000 euros.
Os traballos que se están a realizar neste treito consisten na apertura das cunetas, a reparación do firme e a repavimentación e rematarán previsiblemente a finais de ano.
Estas obras, adxudicadas á empresa Ecoasfalt, S.A, beneficiarán de xeito directo á veciñanza dos municipios do Saviñao e Monforte de Lemos, así como dos restantes concellos da comarca da Ribeira Sacra. Ademais, tamén garantirán a circulación en condicións de seguridade e comodidade para os usuarios que a empreguen.
A institución provincial leva investidos preto de 732.000 euros para a renovación total desta estrada imprescindible para as comunicacións da zona sur da provincia. Por unha banda, dedicou 133.100 euros para mellorar o tramo que vai do punto quilométrico 4 ao 6,8 e outros 133.100 euros para acondicionar o treito dos puntos 6,9 ao 10,4.
Ademais, a Deputación tamén dedicou preto de 235.000 euros para executar as obras de mellora dende o inicio da vía ata o punto quilométrico 24,4 ás que se suman os traballos que se se están a desenvolver esta mesma semana por un importe de case 230.000 euros.