Comezan as obras de mellora da rúa da Veiga, en Monforte
As obras de mellora na rúa A Veiga, de Monforte, arrancaron este mércores co fin de renovar a totalidade do pavimento desta vía. Os traballos teñen un prazo de execución de 10 días.
O alcalde do municipio, José Tomé, lembrou que esta actuación de mellora de infraestruturas urbanas se encadra dentro "do plan dos 31 proxectos que o equipo de goberno puxo en marcha en Monforte dende setembro de 2020, cunha inversión superior aos 10,5 millóns de euros".
No caso da mellora da rúa A Veiga, que se vén de iniciar, o proxecto foi adxudicado á empresa Francisco Gómez y Cía, S.L. por un importe total de 38.143 euros. Con esta actuación, dixo o alcalde, "procedemos á renovación do firme desta rúa, posto que presenta numerosas irregularidades e baches, facilitando así aos veciños da zona o tránsito axeitado pola mesma".
OS TRABALLOS
A mellora da rúa A Veiga, segundo explicaron desde o Concello de Monforte, afecta a unha lonxitude de 1.155 metros. Os traballos de renovación do firme consisten, en primeiro lugar, no varrido do firme das zonas afectadas, por medios mecánicos, levándose a cabo unha limpeza enérxica da superficie do pavimento existente mediante cepillo de arame.
Posteriormente, en toda a calzada, procederase a aplicar unha nova capa de rodadura, consistente nunha capa de aglomerado en quente, tipo D-12, de 4 cm. de espesor, na que se incluirá o rego de adherencia e o bacheo previo nas zonas en que é necesario. A continuación, procederase ao levantado ou recalce de tapas de arquetas e rexistros para acadar o novo nivel da capa de rodadura.
Para rematar, na calzada, unha vez rematada a colocación da nova capa de aglomerado, procederase ao pintado da vía, coa marcaxe das liñas, cebreados e símbolos correspondentes.