Comezan as obras de ampliación da rúa Roberto Martínez Andrade, en Monforte

O Concello de Monforte deu comezo ás obras de prolongación da rúa Roberto Martínez Andrade, que terá saída á rúa Santiago. Así o anuncio esta mañá o alcalde, José Tomé Roca, que explicou que actuación forma parte dun programa máis amplo centrado na mellora das infraestruturas da cidade.
Os traballos, adxudicados á empresa Extraco por un importe de 132.190 euros, comezaron esta semana co valado da zona de intervención e movemento de terras. O prazo de execución é de dous meses, polo que a actuación estaría rematada en xaneiro de 2026.
A prolongación prevista terá unha lonxitude total de 57 metros, e suporá a creación de dúas beirarrúas peonís en ambos os lados da rúa, así como unha calzada central con dous carrís, un para cada sentido de circulación. Ademais, haberá unha zona de aparcamento en liña nun dos lados, incluíndo o tramo de rúa xa existente.
Por outro lado, procederase a dotar de servizos a todo este tramo de rúa, incluíndo saneamento, pluviais, abastecemento, iluminación pública, rede de baixa tensión e telecomunicacións. Unha vez terminadas as redes de servizos, procederase á colocación do bordo de formigón e, seguidamente, colocarase a soleira de formigón, para a posterior colocación das baldosas, tamén de formigón, nas beirarrúas. Por último, instalarase o firme de aglomerado asfáltico e procederase ao pintado das marcas viarias correspondentes. Tamén se colocará un sinal de STOP na intersección coa rúa Santiago, para os vehículos que circulan por esa rúa procedentes da rúa Chantada.