Comezan as Festas Patronais de Chantada con moitas actividades musicais e tradicionais
As Festas Patronais na honra á Virxe do Carme, que se desenvolverán entre o 22 e o 27 de agosto, acollerán diversas propostas musicais, tradicionais, infantís e para todos os públicos, enfocadas na veciñanza de Chantada e tamén en todas aquelas persoas que queiran desfrutar delas.
Los Fabulosos Weekend e Nàcaruh abrirán os concertos o 22 de agosto actuando na Praza de Catro Camiños desde as 23.30 hora. Los Fabulosos Weekend é o conxunto músico vocal encabezado por Manuel Manquiña, cun veciño da vila entre os músicos. A formación ofrece versións de temas de rock clásicos e outros temas propios, destacando polo seu enérxico directo. O mesmo que Nàcaruh, formación vinculada á Escola de Música de Chantada, onde o presidente da Agrupación Casa da Música é o vocalista. Nàcaruh presentará temas propios, ademais de versións que farán as delicias do público.
O 23 de agosto celebrarase o Festival de DJ´s, que se desenvolverá na Praza do Pavillón desde as 23.30 horas, con artistas como Dumore, Carlos López ou Marcos Magán.
O sábado, 24 de agosto, a Agrupación Tradicional da Casa da Música fará un pasacalles con Cabezudos desde as 11.30 horas. O Folión de Carros, unha das actividades máis icónicas das Festas Patronais de Chantada, celebrarase nesta xornada desde as 23.00 horas. O desfile, no que este ano haberá 16 participantes, estará encabezado pola Banda de Gaitas do Concello de Chantada e a Agrupación Tradicional da Escola de Música de Chantada.
O Folión de Carros que organiza a Asociación Amigos do Folión coa colaboración do Concello de Chantada é Festa de Interese Turístico Galego, tamén declarada Ben de Interese Cultural (BIC) no 2018. Este ano, ao remate do Folión, contarase coa orquestra Tango. “Felicitar á Asociación Amigos do Folión polo extraordinario traballo que fan, é un luxo e agradecemos a súa implicación. En anos anteriores pechábase o Folión con música tradicional e para estas Festas decidimos cambiar e traer unha actuación de sona, como Tango”, explica Manuel Diéguez, concelleiro de Cultura de Chantada.
Tamén na xornada do sábado, despois do Folión, será o pregón das Festas Patronais de Chantada, que este ano corre por conta de M. Victoria Otero Pinar, catedrática de Análise Matemática na USC, Vicepresidenta do Comité Español de Matemáticas, CEMat e Vicepresidenta primeira da Real Sociedade Matemática Española, a que lle agradecen ter aceptado o ofrecemento.
O domingo, 25 de agosto, abrirase ás 11.30 horas con pasacalles dos gaiteiros Os Barrios con Cabezudos. Nesta xornada tamén fará pasacalles a Banda Escola de Música de Visantoña, para ás 13.30 horas ofrecer un concerto no parque Eloísa Rivadulla. A misa do domingo estará cantada pola Coral Polifónica de Chantada.
Ás 18.30 horas chegará á Praza do Cantón o XXXIII Certame de Bandas de Música de Chantada coa participación da Banda de Música de Chantada, a Banda de Música Vila de Cedeira e a Banda Escola de Música de Visantoña. Pola noite, entre as 22.00 e as 4.00 horas a orquestra La Fórmula actuará en Xoán XXIII e a orquestra Los Satélites levará o seu espectáculo á Praza de Santa Ana.
Xa o luns, 26 de agosto, comezará con pasacalles dos gaiteiros Os Barrios con Cabezudos ás 11.30 horas e ás 17.00 horas terá lugar festa infantil con inchables e xogos tradicionais no Campo da Feira Vello. Nesta xornada, haberá sesión de fogos de artificio a media noite e as verbenas nocturnas correrán por conta da orquestra Olympus en Xoán XXIII e do Combo Dominicano na Praza de Santa Ana de 22.00 a 4.00 horas.
No último día das Festas Patronais de Chantada, o martes, 27 de agosto, celebrarase a tradicional Festa da Empanada no campo do San Lucas. A cita estará amenizada polos gaiteiros Os Barrios e as charangas Unión Phenosa, NBA e Os Jaláticos. Para a Festa da Empanada prégase evitar equipos de música particulares durante a celebración e utilizar o servizo de autobuses que circularán permanentemente desde as 11.30 horas entre a Praza de Santa Ana e o campo do San Lucas por un prezo de 2 euros a viaxe. O servizo de autobuses refórzase con respecto a anos anteriores.
“Queremos insistir en reforzar a seguridade durante todos os días das Festas, para nós é o máis importante e por iso cumprimos todas as normativas de seguridade en todas as actividades. Na Festa da Empanada facemos un chamamento a que se utilice o servizo de autobuses que poñemos a disposición da veciñanza para evitar utilizar vehículos particulares e facemos fincapé e non usar música propia e abandonar o campo do San Lucas antes da noite. Os autobuses deixarán de circular pasadas as 21.00 horas e a partir desa hora sería idóneo que non quedara ninguén no campo”, explica o alcalde do Concello de Chantada, Manuel Lorenzo Varela.
O día 27, entre as 22.00 e as 4.00 horas o Grupo América levará o seu show a Xoán XXIII e a orquestra Cinema fará o propio na Praza de Santa Ana. Desde o Concello de Chantada convídase á veciñanza a participar das diferentes propostas e agárdase que a climatoloxía acompañe.
“Presentamos unha programación pensada para todos os públicos na que seguimos confiado porque funciona. As nosas festas son moi de familia e amigos, se as festas funcionan son boas para todas. Esperamos que o tempo nos acompañe porque a climatoloxía é importante para ter un bo balance das Festas”, asegura Manuel Lorenzo Varela.
O cartel das Festas Patronais deste ano é obra do artista, Jon González (JonGo Art), que xa o pasado ano foi o encargado de elaborar o cartel anunciador das Patronais.