Comezan as celebracións do Entroido de 2026 en Monforte coa queima de Compadres

O Xoves de Compadres deu este xoves o pistoletazo de saída ao Entroido 2026 no Concello de Monforte de Lemos. A pesar da chuvia, a tradición mantívose viva e decenas de compadres, elaborados con creatividade, ironía e crítica social, apareceron repartidos por barrios, parroquias e centros de ensino do municipio.
No concurso convocado polo Concello participaron arredor dunha vintena de asociacións, entidades e persoas a título individual, que presentaron un total de decenas de bonecos acompañados do seu particular atrezo. O certame, organizado pola Concellería de Cultura, contou con tres modalidades —centros de ensino, parroquias, barrios e rúas, e participación individual na Praza de España— ás que se destinaron 2.000 euros en premios.
En conxunto, concorreron oito asociacións e entidades na modalidade colectiva de parroquias, barrios e rúas, con 42 compadres, ademais de catro participantes individuais neste mesmo ámbito, que achegaron sete propostas. No apartado educativo participou un centro de forma colectiva e catro de maneira individual, mentres que na Praza de España competiron tres compadres individuais.
Os premios déronse a coñecer pasadas as 17.30 horas na Praza de España, nun acto no que participou a concelleira de Cultura, Marina Doutón, acompañada polo concelleiro de Medio Ambiente, Obras, Medio Rural e Servizos, José Luis Losada. Antes da lectura do fallo, Doutón felicitou a todas as persoas e colectivos participantes e agradeceu especialmente a presenza dos centros de ensino e dos compadres individuais, destacando que finalmente o tempo acompañou durante o acto.
No palmarés desta edición destacou a proposta “Bar-Cenas, hay chistorras y lechugas”, presentada por San Xillao de Tor, que foi recoñecida tanto pola súa crítica social como como primeiro premio na categoría colectiva de parroquias, barrios e rúas. Tamén obtivo dobre recoñecemento “A antiga escola”, da Asociación Ágora, galardoada na modalidade de etnografía e como primeiro premio colectivo.
Outras propostas como “Futuro incierto”, tamén da Asociación Ágora, ou “Trump conquista Groencobas”, da Asociación de Veciños do Barrio de Cobas, acadaron segundos premios, mentres que traballos como “O mundo do revés”, de Prodeme, “Pedimos ao Concello…”, de Alicia Dapena Pérez, e “Cesta da compra polas nubes”, de AFAMON, recibiron accésits polo seu enfoque social e actual.
Na modalidade individual de barrios, o segundo premio foi para “Trumpisto”, presentado por Geriatros Domus VI Monforte, e o primeiro para “Zenón apaña leña por Guntín”, de Matilda Somoza González. Pola súa banda, na categoría individual da Praza de España, o accésit foi para “O ronroneiro oficial”, de Luis Gallego López, o segundo premio recaeu en “El vampiro que vive en el castillo”, de Abril Blanco Rajo, e o primeiro en “Un vello dos de antes”, de Adelina Deus González.
Como marca a tradición, a xornada culminou coa queima dos compadres, pechando así unha celebración que volveu demostrar a boa saúde do Entroido monfortino e a implicación da veciñanza nesta cita festiva.