Comezan as actividades organizadas polo Xeoparque de Montañas do Courel pola Semana de Xeoparques Europeos

RibeiraSacraXa
Comezan as actividades organizadas polo Xeoparque de Montañas do Courel pola Semana de Xeoparques Europeos
xeoparque montañas courel
31 Maio 2023

Para celebrar a Semana de Xeoparques Europeos 2023, o Xeoparque de Montañas do Courel, que integra os concellos de Ribas de Sil, Folgoso do Courel e Quiroga; promove actividades desde mañá, 1 de xuño, ata o vindeiro día 11 incluído.

Así, o 1 de xuño terá lugar o III Encontro dos Xeopícaros das Montañas do Courel que terá lugar entre as 11.00 horas e as 14.00 hotas na praia fluvial de San Clodio de Ribas de Sil.

Xa o sábado, 3 de xuño, haberá tres actividades: unha conferencia baixo o título 'Tras as pegadas dos trilobites do soldón' na casa da cultura de Quiroga ás 11.00 horas; unha ruta que sairá ás 12.00 horas desde a casa da cultura de Quiroga co mesmo nome que a conferencia; e rematará o día co concerto de Jazz and Blues no Souto de Miraz ás 20.30 horas no marco do CourelSon.

Pola súa parte, o domingo 4 de xuño hai organizada a Ruta dos Castros, que percorrerá Castro de Vilar, Vilamor, Sobredo e Cido a partir das 10.00 horas e as persoas que participen terán que quedar no Bar o Mirador de Folgoso do Courel.

O día 6 de xuño terá lugar un webinar 'Las cuevas y el Karst, un viaje a través de los geoparques españoles' ás 18.00 horas e o 8 de xuño presentarase de forma didáctica e musicada o libro infantil 'O oso cariñoso' no CPI Uxío Novoneyra, no CEIP San Clodio e no CEIP Quiroga.

Máis actividades

O 10 de xuño está organiza unha ruta pola Cubela, cuxo punto de encontro será a praia fluvial de San Clodio, en Ribas de Sil, ás 10.00 horas. Ese mesmo día, inaugurarase o Centro de Interpretación Río Sil en Torbeo ás 13.00 horas.

Xa o 11 de xuño, como último día destas actividades, terá lugar a XIX Festa da Cereixa, do Viño e do Aceite de Ribas de Sil, que se celebrará todo o día. Mentres, haberá actividades complementarias: Manuel Cao presentará o seu libro 'Historias do sur do xeoparque, vivencias e San Clodio' ás 17.00 horas no Concello de Ribas de Sil; á mesma hora comezará unha ruta das orquídeas en Seoane do Courel e tamén haberá actividades de iniciación ao barranquismo.

0.18718600273132