As actividades de Nadal enchen o concello de Chantada
O concello de Chantada acolle este Nadal diversas actividades de lecer para os máis cativos con espectáculos circenses, de humor e varios talleres.
Estas actividades que terán lugar a partir do 22 de decembro, terán lugar no Auditorio Municipal a partir das 19.00 horas.
Darán comezo o xoves día 22 co espectáculo infantil da Apalpadora, o mércores 28 terá lugar o espectáculo de maxia Mago Tomico tamén Auditorio Municipal ás 19.00 horas, o venres día 30 será a quenda do espectáculo circense e de humor Par de dos, e o martes 3 de xaneiro, os nenos e nenas do municipio poderán desfrutar con Chuches Amil, un espectáculo musical infantil que dará comezo ás 19.00 horas.
Por último, o xoves día 5 de xaneiro, terá lugar a cabalgata de reis polas rúas de Chantada que chegarán en cabalos máxicos e serán acompañados por xigantes luminosos a partir das 18.00 horas. A partir das 19.00 horas e tamén no Auditorio Municipal, terá lugar a recepción das súas maxestades onde os reis magos repartirán agasallos para tódolos nenos e nenas.
Servizo de ludoteca
O concello de Chantada está a desenvolver entre outras actividades distintos obradoiros na ludoteca, que prestará os seus servizos este Nadal en horario de 10.00 a 14.00 horas.
Estes obradoiros destinados a nenos de 3 a 5 anos teñen lugar en horario de 10.30 a 12.00 horas e os que son para maiores de 6 anos teñen lugar de 12.00 a 13.30 horas.
A hora para o servizo de madrugadores é de 09.00 a 10.00 horas, todo isto no pavillón municipal durante os días 23, 26, 27, 28, 29, 30 de decembro e tamén os 2, 3, 4 e 5 de xaneiro.
Os interesados poden inscribirse na Casa da Cultura ata o venres 16 de decembro, nos horarios de apertura (de luns a venres de 10.00 a 14.00 horas e de 16.00 a 20.00 horas e os sábados de 10.00 a 14.00 horas).