Comeza o obradoiro de emprego de Monforte, que conta con máis de medio millón de euros

RibeiraSacraXa
Comeza o obradoiro de emprego que se desenvolverá durante un ano nas instalacións da Escola Obradoiro da Pinguela, a onde se traladaron membros do Goberno local de Monforte, que deron a benvida a alumnos e profesores.
obradoiro de emprego A Pinguela Monforte
23 Nov 2023

Comeza o obradoiro de emprego que se desenvolverá durante un ano nas instalacións da Escola Obradoiro da Pinguela, a onde se traladaron membros do Goberno local de Monforte, que deron a benvida a alumnos e profesores.

Nesta edición recibirán formación teórica e práctica 20 alumnos nun obradoiro que conta con dúas especialidades, albanelaría e carpintería, e aqueles que finalicen con éxito a formación obterán o certificado de profesionalidade desta dúas especialidades” salientou o rexedor monfortino, José Tomé Roca.

“O obxectivo é formar profesionais que hoxe están moi demandados, paras facilitar a inserción laboral ou ben o autoemprego”, destacou o alcalde, que apuntou que “con este obradoiro de emprego, que está promovido polo Concello de Monforte, creamos 24 postos de traballo durante 1 ano; o grupo estará formado por 20 alumnos e alumnas, 2 docentes, un director e unha administradora, cun investimento de máis de medio millón de euros procedentes de fondos Estatais”.

En concreto, conta cun orzamento de 577.046,20 euros, partida que procede de fondos Estatais (do SEPE, Servizo Público de Emprego Estatal), autonómicos e municipais, xa que inviste o Goberno local 81.530,60 euros.

Desenvolvemento do obradoiro

Os participantes no obradoiro levarán a cabo a rehabilitación e restauración das naves da Escola Taller A Pinguela, coa substitución de cubertas, o acondicionamento de novos espazos de traballo, a substitución de portas e fiestras, escaleiras, a elaboración de novos pavimentos,... así como a restauración e aproveitamento de pequeno mobiliario urbano para darlle un novo uso.

En concreto, as melloras levaranse a cabo sobre as naves destinadas a obradoiro de carpintería e a cantería, e tamén se acometerá a reforma dos accesos ós módulos de ensino e servizos. Tamén se levará a cabo a renovación da cuberta da edificación principal do taller de cantería e se rehabilitará unha das edificacións secundarias do taller de cantería. Finalmente, dotarase de banzos ós accesos dos módulos de servizos e aulas.

Así, a través do taller de carpintería, preténdese a rehabilitación da cuberta mediante a retirada da actual e a colocación dunha nova de panel sándwich. A entrada de luz natural resolverase substituíndo as placas de poliester por paneis de policarbonato alveolar. Tamén se dotará á entrada principal dun pequeno soportal executado con estrutura de madeira fincado á estrutura de formigón da propia nave e cuberto con placas de policarbonato alveolado que permita o paso da luz.

Pola súa parte, sobre o pavimento actual da nave executarase unha nova soleira de formigón armado con acabado pulido para unha mellor circulación dos medios auxiliares destinado a manipulación das materias primas e produtos de carpintería. Substituiranse as placas translúcidas dos cerramentos por carpinterías de madeira con vidros de seguridade que permitan a iluminación e ventilación natural da nave, que serán elaboradas no propio taller de carpintería. Instalarase unha nova porta corrediza de bastidor metálico e entrepano de táboas de madeira machiembrada. Os entrepanos de madeira desta porta tamén se executarán no propio taller.

Ademais, resolverase o acceso á zona elevada sobre o almacén interior mediante a execución no propio taller dunha nova escaleira de madeira e varanda con pendente mais axeitada, ao mesmo tempo que se continua coa restauración de mobiliario urbano, varandas, bancos…

Con respecto da edificación acaroada a nave de carpintería, preténdese a súa rehabilitación dotándoa dunha nova cuberta de panel sándwich colocado sobre armazón metálico lixeiro. Ademais, abrirase un acceso directo dende a nave de carpintería, para que poida ser utilizada como almacén, e revestiranse os cerramento exterior e interiormente con morteiro de cemento e posteriormente pintado.

Por outra banda, levarase a cabo a restauración dos entrepanos das portas de madeira do almacén de carpintería do obradoiro da Pinguela e da porta da Casa da Cultura. Finalmente, elaborarase diverso mobiliario para o equipamento das naves do obradoiro tales coma a execución de estantes onde gardar ferraxes e pequeno material e bancos e mesas de traballo adaptados aos traballos específicos de carpintería, así como a restauración e realización nova de pequeno mobiliario urbano executado en madeira, bancos, papeleiras e xardineiras.

Accións por parte do taller de cantería

Posto que a cuberta da edificación principal do taller de cantería non dispón de material de cubrición, proponse a execución dunha cuberta de lousa colocada sobre o forxado de formigón existente, polo que será necesario a limpeza superficial do mesmo, impermeabilización mediante lámina asfáltica, restrelado, e colocación de lousa.

Tamén se dotará dunha nova cuberta de tella cerámica sobre armazón inclinado de madeira con pendentes adecuadas á edificación secundaria do taller de carpintería xunto co alpendre acaroado, situada ao norte da mesma. Para garantir a impermeabilidade da cuberta, ademais de incrementar a pendente, será necesaria a colocación dunha lámina impermeable transpirable sobre o taboleiro OSB.

As lousas colocaranse sobre restreles colocados segundo a liña de máxima pendente. Así mesmo, a edificación secundaria dispón de aberturas no cerramento posterior que están resoltas con placas onduladas translúcidas, proponse a súa substitución por carpintería de madeira.

Por último, preténdese a execución banzos de fábrica de ladrillo revestidos con pezas cerámicas para facilitar o acceso por ambos lados as persoas que non teñen mobilidade reducida.

José Tomé concluíu subliñando que “unha vez rematado ambos obradoiros, dende o Concello de Monforte temos o compromiso de inserción de alumnos en empresas que precisen contratar a traballadores durante un mínimo de tres meses. Para elo, darémoslle ás empresas e un incentivo á contratación de 1.500 € por alumno e empresa, para favorecer a inserción laboral destes programas no mercado de traballo".

0.17320990562439