Comeza o Entroido na Pobra do Brollón cun ciclo de charlas 'Desenmascarando o Entroido'
A Pobra do Brollón organiza un ciclo de charlas sobre o Entroido chamadas 'Desenmascarando o Entroido' como preludio do que será a celebración desta festividade propia de febreiro.
Así, os venres de febreiro haberá na Casa da Cultura Olga Novo distintas charlas con entrada libre e da man de persoas con perfís interesantes como o de Rafa Quintía, antropólogo que será o encargado de comezalas.
O primeiro venres, 3 de febreiro, a partir das 20.15 horas terá lugar a charla 'O Entroido en Galicia: Ritos, oficiantes e significados', por Rafa Quintía.
O seguinte, o venres 10 de febreiro, será o artesán X.M. Seixas quen imparta a charla 'Máscaras de Entroido' cunha exposición a partir das 20.15 horas.
Por último, para o venres 17 de febreiro, Felipe Castro traerá consigo tres actividades tradicionais e unha mascarada ritual: 'Patrimonio material e inmaterial que se abrazan en Salcedo'.