Inician de novo as obras do local social da Parte

RibeiraSacraXa
José Tomé anuncia o inicio da segunda fase dos traballos de reforma da pranta baixa da edificación que acollerá o local social de Probeiros.
monforte tome saneamento
18 Maio 2021

O Alcalde de Monforte, José Tomé, ven de anunciar que, tal como tiña comprometido cos veciños da parroquia de A Parte, o inicio da segunda fase dos traballos de reforma e mellora da pranta baixa da edificación que acollerá o futuro local social de Probeiros.

Se nunha primeira fase, que se levou a cabo no mes de xaneiro deste ano 2021, o Concello procedeu á mellora do conxunto da estrutura do actual edificio existente, cunha inversión de 44.189,18 euros, nesta segunda fase, que dará comezo nos vindeiros días, procederase a rehabilitar a pranta baixa, acadando un local diáfano, que acollerá unha zona de cociña, un espazo para reunións e aproveitaranse as divisións existentes no interior para a instalación dunha zona de aseos. No exterior, instalarase unha foxa con pozo filtrante para o tratamento das augas residuais.

Para esta segunda fase de actuacións, o Concello de Monforte destina un investimento de 43.681 euros e adxudicou os traballos de mellora á empresa Couso Souto S.L. Para a execución dos traballos estímase un prazo de un mes.

Deste xeito, o Concello monfortino investiu un total 87.870,12 euros que permitirán ós veciños da parroquia de A Parte, contar cun novo local social.

O Alcalde, José Tomé Roca, destaca que con esta actuación “seguimos levando a cabo obras de mellora nas parroquias da cidade, e neste caso, dotando dunha importante infraestrutura mediante a cal os veciños e veciñas de Probeiros, na parroquia de A Parte, disporán dun novo local social no que desenvolver actividades formativas e de ocio e lecer”.

“O compromiso que mantemos dende o equipo de goberno cos veciños do Concello de Monforte segue a ser firme, e apostamos por dotar de novos servizos e infraestruturas, neste caso, as parroquias do rural”, concluíu o rexedor monfortino.

Proxecto probeiros
0.14018797874451