Comeza a programación de Nadal na Pobra do Brollón con ‘As aventuras de Nabiza Girl’, de Isabel Risco

Este domingo 21 de decembro, ás 20:00 horas na Casa da Cultura ‘Olga Novo’, Isabel Risco inaugurará a programación de Nadal do municipio co seu espectáculo ‘As aventuras de Nabiza Girl: O estraño caso da cultura minguante’. Nesta obra, a actriz interpreta ao seu popular personaxe Nabiza Girl, que intentará, con humor e superpoderes, frear a desaparición da cultura galega, contando coa colaboración cómica de Don Galizo, interpretado por Alberte Bello.
Ademais, durante o fin de semana haberá outras propostas culturais en diferentes lugares do municipio. O sábado 20, ás 18:30 en Parada dos Montes, a Asociación Veciñal de Parada organiza ‘Bailen as vellas’, un espectáculo de narración oral con Vero Rilo e Atenea García. O domingo 21, ás 13:00, en Trasmonte (Vilachá de Salvadur), presentarase o poemario ‘Agora, eu cariota’ de Xosé Gago, organizado pola editorial Laiovento.
A axenda continuará o día 26 cun espectáculo infantil, ‘Consertasso na horta’, de Brais das Hortas, que combina música e humor para toda a familia. O 27 de decembro, o coro e alumnado da Escola Municipal de Música Samoeiro percorrerán as parroquias de Saa, Piño e Canedo interpretando villancicos e repertorio festivo.
O domingo 28, na Casa da Cultura, o grupo Peitoescuro ofrecerá un concerto con temas do seu álbum debut ‘Semente na fenda’, inspirado nas tradicións folclóricas do Courel e da Ribeira Sacra. Ese mesmo día, desde as 16:00, abrirá as súas portas o Mercado Circular de Nadal, cunha ducia de postos de produtos locais e artesanía.
Para despedir o ano, a Casa da Cultura acollerá a festa de Fin de Ano con barra e baile animados polo Dúo Eclipse desde a 1 da madrugada do 31 de decembro ao 1 de xaneiro.
Xa en 2026, o venres 2 de xaneiro, a escritora María José Tardaguila Sánchez presentará a súa novela histórica ‘1140’, ambientada no Camiño de Santiago do século XII.
A programación rematará o 5 de xaneiro coa tradicional Cabalgata dos Reis Magos, que percorrerá o municipio desde as 17:00 para rematar na Casa da Cultura coa entrega de agasallos.
Ademais, a Biblioteca municipal ‘Antonio Reboiro’ organiza obradoiros de Nadal para nenos de 4 a 12 anos, que se realizarán entre o 22 de decembro e o 2 de xaneiro. O prazo de inscrición remata o xoves 18 de decembro.