Comeza a Feira do Viño de Chantada nun fin de semana protagonizado pola gastronomía e a cultura
Comeza a XLI Feira do Viño de Chantada, que terá lugar do 8 ao 10 de marzo e na que participan 16 adegas: Adegas Amedo, Adega Castrofiz, Adegas Condado de Sequeiras, Adegas Pincelo, Adega Os Cipreses, Albarduxe, Bodegas Sta. María de Nogueira, Cabo do Mundo, Calexotes, Diego de Lemos, Enonatur, Instinto Romano, Pilares de Belesar, Adegas e Viñedos Lareu, Vía Romana Adegas e Viñedos e Adega Alouviño.
A Feira terá lugar na carpa instalada na avenida de Monforte á altura da praza de Galicia e os postos de viño abriranse ás 20.00 horas desta tarde, aínda que durante a fin de semana permanecerán abertos todo o día.
Esta 41 edición terá como pregoeira, o domingo ás 13.00horas á escritora pontevedresa, Fina Casalderry, autora, principalmente de literatura infantil, ten recibido numerosos recoñecementos pola súa obra e traxectoria literaria e educativa, como o Premio da Cultura Galega no 2015.
Este ano, como novidade, farase unha homenaxe aos viticultores o domingo antes do pregón e correrá por conta de Queiman e Pousa e a entrega de premios aos mellores viños da Feira do Viño de Chantada terá lugar despois do pregón e non durante o xantar desa xornada. Ademais, haberá actividade que se desenvolverá o 15 de marzo, Work Ribeira Sacra, unha xornada formativa que terá o viño como protagonista.
Como prólogo á Feira do Viño, Chantada celebrará este sábado, 2 de marzo, poxa de gando frisón no mercado gandeiro a partir das 12.00 horas.
Programa XLI Feira do Viño de Chantada
As actividades comezarán o venres, 8 de marzo ás 20.00 horas coa apertura de postos das adegas participantes e ás 23.30 horas actuará o Grupo Tattoo.
Xa o sábado ás 11.30 horas actuará o Grupo de Zanfoñas da Tradescola de Lugo, Searas e ás 12.00 horas farao a Agrupación Tradicional da Casa da Música. Xa ás 13.00 horas terá lugar o concerto da Banda de Música de Chantada e ás 17.00 horas será a quenda da Charanga Union Phenosa, Festicultores Troupe, Grupo de Zanfoñas da Tradescola de Lugo; e Searas.
Por outra parte, de 17.30 horas a 19.00 h horas terá lugar a VIII Cata Popular na carpa principal e ás 21:30 horas actuará a Orquestra Solara, rematando ás 00:30 horas coa Orquestra Compostela.
Pola súa parte, o domingo, comezará a festa ás 10.30 horas coa Cata Oficial da XLI Feira do Viño de Chantada e ás 11.30 horas actuarán os Gaiteiros Os Barrios, mentres que ás 11.30 horas farao a Charanga NBA. Xa ás 12.00 horas actuará a Banda de Gaitas do Concello de Chantada e ás 12.30 horas terá lugar a representación de Pura Cepa, coa homenaxe aos viticultores. Pola súa parte, ás 13.00 horas terá lugar o pregón da XLI Feira do Viño a cargo de Fina Casalderrey Fraga e ás 13.30 horas será a entrega de Premios da XLI Feira do Viño de Chantada.
Xa pola tarde, ás 16.30 horas actuará a Charanga NBA e ás 16.30 horas a Charanga Louband. Xa ás 21.00 horas será a quenda da Orquestra Saudade.
Máis actividades
A programación da Feira contará con actividades para os máis pequenos, Ocioteca Infantil, para maiores de tres anos, a cargo de Velaísca. A ocioteca que se desenvolverá na Casa da Música, terá horario de 12.00 a 14.00 horas e de 16.00 a 20.00 horas durante o sábado e o domingo.
Pola súa banda, a sala principal do Auditorio Municipal acolle o IV Túnel do Viño de Chantada. A proposta que se devolverá durante a fin de semana en horario de 11.30 a 14.00 e de 18.00 a 20.30 horas, terá un prezo de 10 euros e estará aberta ao público, destinada especialmente a profesionais do sector.
O tempo de lecer en Chantada complétase a segunda fin de semana de marzo coa celebración da XV Feira de Oportunidades e a XIV Mostra de Produtos de Artesanía, que organiza a Asociación de Empresarios de Chantada CCA Ribeira Sacra.
Manuel Diéguez destacaba o esforzo de todas as persoas que levan colaborando coa celebración desta cita como Javier Medela, Ramón Caamaño ou Bruno Lovelle. Pola súa o rexedor local, Manuel Lorenzo Varela, agradecía a implicación das adegas participantes: “Agradecer a participación das adegas, sen elas non habería Feira do Viño de Chantada. Animar e invitar a toda a xente que nos visita cada ano e a esas persoas que o farán este ano por primeira vez. Abrimos un ano máis as Feiras do Viño da Ribeira Sacra e Chantada será unha festa de homenaxe ao noso viño e ao traballo de viticultores e adegueiros".