Comeza a 49ª edición da Subida a Chantada coa cerimonia de saída dos participantes
A cerimonia de saída da 49ª edición da Subida a Chantada terá lugar esta noite ás 21.00 horas na Praza de Santa Ana, un acto de comezo da proba no que os asistentes poderán ver aos participantes nos seus vehículos realizando un pequeno percorrido que os levará de novo ao parque pechado en rúa Xoán XXIII.
Esta edición da Subida a Chantada será unha proba de máxima intensidade, unha carreira de máxima esixencia e concentración, xa que se trata dun curto percorrido contra reloxo nunha estrada sinuosa, de montaña, con cunetas, prados, monte e estreitos da Ribeira Sacra, que esixen uns reflexos e condicións de condución extremos.
As Subidas de Montaña son a modalidade automobilística máis antiga que existe, pois o Campionato de Europa da especialidade celébrase desde o ano 1930 e no caso da Subida de Chantada, este ano cumpre 49 desde que se empezou a organizar e ten lugar en plena Ribeira Sacra, nunha ribeira chantadina cun encanto, valor patrimonial e medio ambiental único.
Participantes
Esta edición contará coa participación do actual líder do Campionato de Europa de Montaña, o italiano Christian Merli; e do alemán Alexander Hin, ámbolos dous con cos seus Osella FA 30.
O piloto de Trento logrou a vitoria en todas as probas disputadas ata a data nese certame esta tempada, mentres que o alemán ocupa a cuarta posición na táboa continental e é un habitual das citas europeas na modalidade máis antiga da FIA.
A presenza dos mellores pilotos europeos e nacionais de montaña dará un aliciente moi especial á 49 Subida a Chantada, converténdose así nunha proba de máximo nivel de competitividade e sobre todo de espectáculo, o poder gozar no ascenso pola ribeira chantadina de pilotos e máquinas de primeiro nivel mundial.