Colectivos veciñais demandan melloras en dúas vías provinciais en Pantón

RibeiraSacraXa
Tres asociacións de veciños quéixanse da perigosidade que supón o estado das estradas LU-P-4110 e LUP-4111 no municipio
pantón estradas provinciais
8 Mar 2021

Tres asociacións veciñais de Pantón veñen de facer públicas as súas queixas e reclamacións pola "perigosidade" que supón o estado de dúas estradas de titularidade provincial ao seu paso polo municipio.

Así, a asociación de veciños San Antonio, da parroquia de Santiago de Castillón, denuncia que o estado da estrada LU-P-4111 resulta "moi perigoso" chegando a dificultar o acceso ás casas habitadas que quedan nese núcleo rural. Os veciños aseguran que a vía non foi arranxada "desde a súa apertura nos anos 80" e reclaman á Deputación de Lugo, como titular da vía, que execute algunha actuación para "que poidamos seguir vivindo aquí".

Por outra banda, as asociacións de San Brais, en San Román de Acedre, e Cabalo Branco, en Santiago de Cangas, reclaman actuacións noutra vía provincial, neste caso a LU-P-4110. Piden que se arranxe o tramo de uns cinco quilómetros que vai desde Arribada, na parroquia de San Fiz de Cangas, a Budián, en San Romao de Acebre, para solucionar o estado de deterioro que sofre o firme.

Os colectivos veciñais de Pantón fixeron chegar os seus escritos con estas demandas ao grupo provincial do PP, que se comprometeu a levalas ao vindeiro pleno do ente provincial. Entenden que  "é gravísimo que sexa necesaria unha chamada de atención así do rural para ter ben conservadas as vías de comunicación  provinciais, necesarias para que os veciños poidan vivir onde viviron sempre".

0.16315007209778