Colectivo Vermut presentará en Monforte un proxecto para recuperar a memoria musical de Modesta Fernández

Colectivo Vermut regresa cun formato especial para achegar ao público un novo evento cultural centrado na tradición e a memoria musical. O próximo 13 de decembro, ás 12:00 horas, o Centro do Viño da Ribeira Sacra acollerá a presentación e o concerto do libro ‘O violín que trae o vento’, obra de Adrián Méndez Fernández, gaiteiro e zanfonista do grupo De Ninghures, así como profesor de baile tradicional e investigador da cultura popular.
Este proxecto recupera a historia de Modesta Fernández, coñecida como “a cega de Noceda”, unha violinista que animou durante décadas festas tradicionais na Fonsagrada e as zonas limítrofes con Asturias. A publicación, elaborada coa colaboración da Vicepresidencia da Deputación de Lugo, recolle o traballo de investigación realizado por Adrián Méndez e inclúe recreacións do repertorio de Modesta interpretadas por destacadas violinistas galegas, entre elas María Jorge, Aldara Palmeiro, Antía Ameixeiras, Marina Carpente, Carmen Gallego e Begoña Riobó.
Ademais, o libro incorpora códigos QR que permiten escoitar as pezas reinterpretadas, achegando a experiencia sonora ao lector.
Durante o acto de presentación, a violinista Carmen Gallego ofrecerá un concerto con pezas do repertorio recompilado, poñendo en valor a dimensión musical do proxecto. Con esta iniciativa, Colectivo Vermut mantén a súa aposta pola cultura de proximidade, o coidado dos detalles e a promoción do talento galego, ofrecendo unha proposta cultural singular para a Ribeira Sacra e a súa comarca.