Clausurado o XII Campus de Voleibol Ribeira Sacra cunha destacada participación

RibeiraSacraXa
O evento, organizado polo C.V. Ribeira Sacra coa colaboración do Concello de Monforte, reuniu a 65 deportistas durante cinco días de actividades
Campus-de-Voleibol-Ribeira-Sacra-Monforte
30 Aug 2025

O Pavillón Municipal A Pinguela e o Clube Fluvial de Monforte acolleron do 25 ao 29 de agosto unha nova edición do Campus de Voleibol Ribeira Sacra, que chegou á súa duodécima edición organizado polo C.V. Ribeira Sacra e coa colaboración do Concello de Monforte.

O encontro deportivo contou cunha elevada participación, con 65 mozos e mozas de entre 8 e 16 anos, que estiveron dirixidos por un equipo de sete adestradores.

O campus desenvolveuse en dúas modalidades, volei pista e volei praia, ofrecendo así unha completa experiencia formativa aos participantes. Na xornada de clausura, os deportistas recibiron camisetas, medallas conmemorativas e diferentes agasallos entregados polo concelleiro de Deportes de Monforte, José Manuel Mougán, e polo director deportivo do club, Manolo Martínez.

Mougán, que asistiu en representación do alcalde de Monforte, José Tomé Roca, destacou a importancia deste tipo de iniciativas e a alta participación alcanzada.

Subliñou que fomentar o deporte base e apoiar á canteira constitúe unha prioridade, convertendo a Monforte nun referente do voleibol en Galicia grazas á colaboración con eventos dirixidos á formación de nenos e nenas.

⚙ Configurar cookies
0.17491006851196