Cinco ouros para Monforte no Campionato Galego de Taekwondo

RibeiraSacraXa
A cita reuniu no Pavillón Polideportivo Municipal da Pinguela a 150 taekwondistas procedentes de toda Galicia
Campionato Galego de Taekwondo
Campionato Galego de Taekwondo
12 Jan 2025

O Concelleiro de Deportes do Concello de Monforte, José Manuel Mougán, fixo entrega este sábado dos diferentes trofeos e medallas correspondentes ao Campionato Galego de Técnica e Freestyle de Taekwondo que se celebrou no novo Pavillón polideportivo municipal de A Pinguela.

Nos acto, o Concelleiro de Deportes estivo acompañado pola Concelleira de Sanidade e Tráfico, Pilar Espinosa, así como o Presidente da Federación Galega de Taekwondo, Juan Carlos Eiríz López, o Secretario Territorial da Xunta en Lugo, Alejandro Fontela e o director deportivo do Ximnasio Neka, José María Vega. O Concello de Monforte foi un dos principais patrocinadores deste evento, xunto coa Deputación de Lugo.

Este Campionato Galego de Taekwondo reuniu en Monforte a 150 taekwondistas procedentes de toda Galicia, participando deportistas de 11 anos en adiante. En total, 14 deportistas monfortinos participaron nesta cita: Alba Díaz, Alicia Castro e Inés Casal, na categoría cadete feminino, Lucía Roca na categoría júnior, Alan David Bustamante e Aitor Teijeiro en júnior masculino, Álex Camba, Carlos Rey, José Roca, Marco García e Daniel Areán en sénior masculino, e Laura Álvarez, Nerea Mora e Icía Marcos na categoría sénior feminina.

O campionato deixou moi bos resultados para os e as deportistas monfortinas, con cinco ouros acadados por Alex Camba, Laura Álvarez, a parella formada por Laura Álvarez e Dani Árean, a parella formada por Aitor Teijeiro e Lucía Roca, e o trío formado por Alex Camba, Marco García e Carlos Rey.

Ademais, Lucía Roca, Aitor Teijeiro, Inés Casal e o trío formado entre Alicia Castro, Inés Casal e Alba Diaz, acadaron a prata nas súas categorías e David Feijóo, José Roca, Carlos Rey e Alicia Castro lograron catro bronces.

0.17559003829956