Cinco estudantes de Folgoso do Courel recibiron axudas para o transporte escolar
O alumnado do rural moitas veces se sente desprazado e marxinado ao non ter as mesmas facilidade en canto a comunicacións e servizos cunha cidade. Por iso, dende o Concello do Courel sacaron unha serie de axudas encamiñadas aos estudantes da zona que realizan a súa formación fóra, co obxectivo de facilitar o ensino aos seus veciños.
O Concello de Folgoso do Courel resolveu no mes de decembro as axudas para o transporte de estudantes, das que se beneficiaron 5 mozos e mozas.
Todas as solicitudes presentadas para o curso 2020-2021 foron resoltas satisfactoriamente. Así, recibiron a axuda todos os estudantes que a demandaron.
Estas axudas ao transporte son achegas económicas individuais destinadas a sufragar os gastos de desprazamento daqueles alumnos/as do Concello que estudan fóra do termo municipal coa finalidade de axudar na súa formación durante a etapa educativa de Bacharelato, Formación Profesional ou Universitaria, favorecendo así que todos poidan optar a un ensino digno e de calidade.
As axudas foron de 200 euros por cada solicitante polo que esta liña de axudas contou cun total de 1.000 euros.