Chega a Taboada o mercado Petiscos de Nadal con multitude de actividades para tódalas idades
O vindeiro sábado 17 de decembro o concello de Taboada acollerá o mercado Petiscos de Nadal xunto coa proxección dun documental e distintos espectáculos para nenas e nenos.
As actividades darán comezo o venres 16 de decembro co inicio do concurso de tapas na hostalaría de Taboada que terá lugar de 19.00 a 23.00. Ás 20.00 proxectarase tamén o documental El último de Arganeo na Casa Cuartel, no que os asistentes estarán acompañados polo seu director David Vázquez.
El último de Arganeo é un documental no que o pastor e músico cabreirés Edilberto Rodríguez, de 24 anos, explica por que segue a estar vencellado á terra e ás tradicións.
As actividades de Nadal continuarán en Taboada o sábado 17 de decembro, ás 12.00 horas coa apertura do mercado Petiscos de Nadal na Praza de Riazón, no que actuará Rechouchíos.
De 12.30 a 13.30 horas haberá unha firma de libros coa Poeta Labrega Ana Vila Portomeñe no posto do mercado de librería Arco Iris, ás 13.00 horas a actuación da banda de rock&roll infantil A Gramola Gominola, de 16.30 a 18.30 horas os asistentes poderán desfrutar cunha demostración a cargo do artesán Hussein Aali-Taleb Fernández (O Cunqueiro de Palas), de 16.30 a 17.15 horas haberá un espectáculo de maxia da man do Mago Deimi, de 17.15 a 18.00 horas terá lugar o obradoiro de maxia impartido polo Mago Deimi para nenas e nenos e ás 19.00 horas será o peche do mercado de Nadal coa actuación de Xabier Díaz e as Adufeiras da Salitre.
As tapas de Nadal na hostalaría de Taboada poderán desfrutarse sábado e domingo en horario de 19.00 a 23.00 horas. O domingo terá lugar o remate deste concurso ás 23.00 horas.