Chega a Quiroga e Ribas de Sil o reto solidario “Correndo por quen non pode” con Fernando Velasco

Quiroga será escenario o vindeiro sábado, 9 de agosto, dunha nova etapa do desafío solidario que lidera o corredor rioxano Fernando Velasco, enmarcado dentro da proba deportiva Quiroga Trail Challenge e en colaboración co Concello.
Velasco, vinculado desde hai anos á visibilización de enfermidades como a ELA ou a esclerose múltiple, propúxose percorrer 2.000 quilómetros por distintos puntos do Estado e sumar ademais os 330 quilómetros do Tor de Geants, unha das carreiras de montaña máis esixentes do mundo, nos Alpes italianos. O obxectivo deste reto é claro: aumentar o apoio social e institucional á investigación das enfermidades raras e fomentar a inclusión das persoas con discapacidade.
En Quiroga, a xornada comezará ás 8:00 horas e prolongarase ata as 14:00 horas. O percorrido, deseñado polo equipo do QTC, terá unha distancia aproximada de 13,5 km por volta, que Velasco repetirá en catro ocasións ata completar os 54 km previstos en cada etapa.
O circuíto partirá e rematará no Albergue de Quiroga, pasando pola Rúa Real, o paseo fluvial de San Clodio, a estación de ferrocarril, a presa de Sequeiros, Os Novais, O Castelo, e continuará polas viñas da Casa de Outeiro, os lugares de Caspedro e San Xulián de Arriba, para regresar ao núcleo urbano polo paseo fluvial.
A organización anima a todas as persoas interesadas a acompañar o atleta en calquera tramo do percorrido e coa distancia que cadaquén prefira. Será unha boa oportunidade para coñecer de preto tanto o desafío como as historias que o acompañan.
Fernando Velasco resume o espírito do proxecto co lema “Lo que no se ve, no se conoce. Lo que no se conoce, no se investiga”, unha invitación aberta a sumar esforzos por unha causa que vai máis alá do deporte.