Chao e Carpentier

TerraChaXa | RibeiraSacraXa | SarriaXa | LugoXa
Por Moncho Paz.
14 Xan 2023

Por Moncho Paz.

En novembro de 2000 regresei a Compostela, despois dunha nova estadía en Cuba. Viña de visitar o Centro Galego, como socio da Liga Santaballesa da Habana -dende maio de 1993- e mais o Centro Internacional de Prensa, en calidade de xornalista acreditado e por recomendación de Ramón Chao, que mantiña fortes vencellos con destacados profesionais cubanos. Estaba ledo con aquela viaxe, tratáranme de marabilla. Ao chegar á casa atopei un sobre na caixa do correo, procedente de Sèvres (Francia), e no seu interior, un libro,  «Conversas con Alejo Carpentier», xunto a unha fotografía datada en 1981. Aos poucos días, recibía unha chamada do autor: “Monchiño, agardo que te axude a entender mellor a Carpentier. Xa me contarás”, díxome Ramón con rotundidade.

Chao considerábao un dos máis grandes escritores da literatura universal, a pesar de que tivera unha obra reducida, do mesmo xeito que o compositor Manuel de Falla, co cal lle gustaba establecer similitudes. “Como Falla na música, Carpentier reconcilia a cultura europea co instinto, a violencia coa sedución, a desmesura co cartesianismo”, afirmaba sobre Alejo. O dominio das estruturas musicais servira a este último para armar as súas obras literarias, cos seus inmensos coñecementos das culturas latinas, grecorromanas, saxonas e indíxenas de América Latina.

Precisamente o pasado 26 de decembro cumpríanse cento dezaoito anos do nacemento de Carpentier na Habana (1904). O seu pai abandonara Francia pouco antes, tras o caso Dreyfus e fondamente decepcionado pola decadencia de Europa. Alejo comezou a traballar como xornalista na illa con tan só dezasete anos, combinando a súa vocación de escritor coa actividade política. Como consecuencia diso, a ditadura de Machado, coñecido popularmente como “o Mussolini caribeño”, meteuno na cadea durante sete meses. Conseguiu saír de Cuba grazas á axuda do poeta Robert Desnos, quen o introduciu no movemento surrealista ao desembarcar en París, onde cultivou a amizade de Tristan Tzara, Paul Eluard e André Malraux, entre outros.

De feito, os seus primeiros contos curtos, «O estudante» e «O milagre do ascensor» zumegaban surrealismo por todas as páxinas. Aínda que as obras máis afamadas do cubano foran concibidas en español, Carpentier tamén era capaz de escribir perfectamente en francés, lingua que dominaba, como se aprecia no conto «Histoire de lunes». Como lembraba Chao, en función do público, concedía entrevistas en ambos idiomas.

Regresou á Habana en 1939 e desenvolveu unha obra monumental sobre a historia da música cubana, pero a ditadura de Fulgencio Batista obrigouno a partir cara a Venezuela, establecéndose en Caracas, onde dirixiu programas radiofónicos e exerceu como profesor na Universidade. A súa querenza por Cuba fixo que retornase á patria tras o triunfo da Revolución. O Goberno de Fidel Castro nomeouno vicedirector de Cultura e, máis tarde, director das Edicións Nacionais, cargo que lle permitiu promover a publicación de obras literarias durante o seu mandato. En 1966 estableceuse en París, como conselleiro cultural da embaixada de Cuba. Alí coñecería a Ramón Chao, director das emisións de Radio France para España e América Latina. Este presentoulle á súa dona, Felisa Ortega, e a parella pronto estableceu unha cordial amizade con Alejo e Lilia, que os convidaban a cear cada mércores no seu domicilio da avenida de Ségur, xunto a outros amigos comúns.

A intensidade que acadou aquela relación explícase polos moitos nexos existentes entre ambos. Por exemplo, o piano. Nunha ocasión, Carpentier confesoulle a Ramón: “Nacín nunha familia onde todo o mundo, sen facer oficio da música, estudara música a fondo. A miña avoa foi unha excelente pianista e o meu pai, un sólido violonchelista. Con abraiante rapidez aprendín a ler a música cando tiña once anos e, aos seis meses de poñer os dedos sobre un teclado, tocaba xa os «Preludios» de Chopin. O meu pai viu en min, por iso, un posible pianista; pero a min non me interesaba ser pianista, nin intérprete, nin executante de nada”.

Do mesmo xeito que Chao, Carpentier recibira formación en harmonía e composición. E ate instrumentou algunhas partituras breves para concertos dados -entre 1934 e 1937- por Le Poste Parisien e Radio Luxembourg. “Coido que todo artista debe cultivar unha segunda arte, pois iso permitiralle aprender a exporse a problemas nun campo paralelo”, díxolle Alejo a Ramón unha tarde de abril, tomando café na embaixada cubana en París.

Na fotografía que me enviaba Ramón Chao en novembro de 2000 dentro daquel sobre, aparecía con Ignacio Ramonet e con Anna Wright depositando unhas flores na tumba de Alejo Carpentier na Habana, no primeiro cabodano do seu pasamento. Non é casualidade que, anos despois -cando comezamos co proxecto de Amigos de Prisciliano- elixira á profesora Yolanda Novo Villaverde, estudosa da vida e obra de Carpentier, como secretaria xeral da nosa asociación cultural.

0.19025301933289