Chantada xa ten pregoeiro para a Feira do Viño de 2025

A XLII Feira do Viño de Chantada comeza este venres, 7 de marzo, coa apertura dos postos das adegas ás 20:00 horas. Nesta edición, participarán un total de 15 adegas: Adega Lareu Sabatelivs, Adegas e Viñedos Vía Romana, Adega Amedo, Adega Condado de Sequeiras, Adega Albarduxe, Adega Cabo do Mundo, Adega Pilares de Belesar, Adega Instinto Romano, Adega Castrofiz, Adega Os Cipreses, Adega Alouviño, Adega Enonatur, Adega Calexotes, Adega Santa María de Nogueira e Adega Teijeiro Lemos
Durante a xornada do venres actuará desde as 23:30 horas o Grupo América e as adegas ofrecerán os seus viños ata as 2.30 horas. O sábado e o domingo seguirá a celebración da Feira do Viño que este ano terá como pregoeiro a un veciño do municipio, José Luis Blanco Diéguez. O CEO do grupo alemán Nordex, líder europeo e segundo grupo mundial de eólica. “Para min é unha honra enorme sendo de Chantada, nado en Limiñón, fillo de taberneira, dar o pregón na Feira do Viño de Chantada. É un gran orgullo”.
Nado no 1970, José Luis Blanco formouse no Grao en Enxeñaría Mecánica da Universidade de Vigo e, posteriormente, en Programas de Alta Dirección en Vigo e en Madrid. A súa traxectoria profesional levouno a vivir en Hamburgo, Alemaña. “Vivindo fóra bótase en falta a familia, os amigos de toda a vida, o idioma, etc. un pouco as cousas da túa infancia e da túa xuventude, a túa cultura, a comida. Vivo en Hamburgo e con moito orgullo podo dicir que hai viño de Chantada nas cartas de moitos restaurantes. Entón boto en falta moitas cousas, o viño non porque está dispoñible aquí tamén”, explica.
En canto á súa vinculación co viño, o pregoeiro lembra os seus anos na taberna dos seus avós e as primeiras Feiras do Viño nas que vendían viño para recadar cartos para a excursión de fin de curso. “O meu contacto co viño é desde moi cativo. Crieime cos avós nunha casa de labranza, meus pais eran emigrantes e á volta de Suiza compraron unha taberna e eu era taberneiro con 7 anos, aí entrei en contacto co viño. Despois gardo un recordo moi especial das primeiras Feiras do Viño, alá polo ano 83 para recadar cartos para a excursión de oitavo. Nesas primeiras Feiras do Viño, no stand do concello facíamos cuncas e vendíamos viño para facer cartos para a excursión”.
O pregoeiro asegura que desde as primeiras Feiras do Viño ata agora, o viño fíxose moi coñecido e tamén a Ribeira Sacra e Chantada. “Véxoo na cantidade de visitantes que hai cando veño ver aos meus pais, hai moita xente e iso é moi positivo. Pola miña parte fago patria sempre que podo. É un lugar espectacular cunha paisaxe e unha xente espectaculares, eses viñedos da época dos romanos, a arquitectura románica, etc. O canón do Colorado en Galicia témolo aquí e animo a que veña canta máis xente mellor, os que veñan repetirán seguro”.
José Luis Blanco ten unha viña en San Fiz, Belesar, e gaba todo o que iso significa. “Cada vez que podo veño ver ao meus pais, 7 ou 8 veces ao ano, sigo mantendo moito o contacto coa familia, cos amigos, con Chantada. Non estou no día a día do que pasa na vila, pero si lles pregunto a miña nai e meu pai case a diario. E manteño ese vínculo co viño e a viña, co colorido, coa etnografía vencellada á cultura do viño e aos produtos locais”. A lectura do pregón será o domingo, 9 de marzo, ás 13:00 horas.