Chantada terá un paso no barrio da Ponte
No pasado pleno do Concello de Chantada foi aprobada a moción presentada polo PSdeG-PSOE para que os veciños e veciñas da Ponte teñan un paso que libere o barrio e mellore a seguridade na zona.
A moción foi aprobada cos votos en contra de Por Chantada, que lembran que acusan a PP e PSOE de querer apropiarse dunha iniciativa veciñal presentada fai un ano pola candidatura veciñal.
O texto contemplaba que “no prazo máximo dun ano, o Concello elaborará un proxecto para construír unha Ponte que conectase as beiras do río Asma” e que, de ser inviábel, “o proxecto recollerá unha alternativa tecnicamente axeitada que permita mellorar a conectividade de San Salvador de Asma e as parroquias ribeirás ao tempo que solvente os graves problemas de seguranza que actualmente sofre o Barrio da Ponte”.
O mesmo texto recollía que “no prazo máximo dun ano desde a redacción dese proxecto, o alcalde presentará para a súa aprobación en Pleno unha modificación puntual do plan xeral de ordenación urbana que oficialice o trazado proxectado”.
Explican que, segundo a moción aprobada o Concello de Chantada, comprometíase a impulsar “accións decididas perante outras administracións para a construción dunha ponte de duplo sentido no Barrio da Ponte”, así como a impulsar “un plano de especial protección que englobe o Casco antigo, a Fábrica do Merluza e o Barrio da Ponte pulando pola peonalización, o soterramento dos cabos e o impulso dos valores patrimoniais e paisaxísticos”.
Así, o principal grupo da oposición na Corporación do Concello de Chantada explicaba fai unhas semanas “non ter saído do seu abraio co acontecido na derradeira reunión plenaria do 5 de decembro á que, sen unha faragulla de pudor, o PSOE de Chantada levou unha moción case idéntica só que agora rebáixase a ponte a obra de paso”. Iso si, explican, “dos pasos dados en cumprimento do acordo plenario de outubro de 2023 por parte do PP -que ostenta a maioría absoluta e exerce o goberno local- e por parte do PSOE, que aludiu ás súas siglas nas institucións provinciais para instar a efectividade do acordado- nada soubo Por Chantada, propulsor da moción- neste ano longo que transcorreu desde entón”.