Chantada suspende a sesión de fogos de artificio das Festas Patronais

O Concello de Chantada anunciou a suspensión da tradicional sesión de Fogos Artificiais programada para este luns, 25 de agosto, na Praza do Pavillón Municipal, enmarcada nas Festas Patronais en honra á Virxe do Carme, que se celebran desde o pasado 21 e ata mañá, 26 de agosto, festivo local na vila.
O concelleiro de Cultura, Manuel Diéguez Carballo, explicou que a decisión débese ás condicións meteorolóxicas e á necesidade de manter dispoñibles os operativos de loita contraincendios ante o risco de que se inicie algún foco de lume, a pesar de que non existe impedimento legal para celebrar os fogos.
“Cando se tiran os fogos do Pavillón dispoñemos da nosa carroceta e do dispositivo que aporta o Parque do Consorcio Provincial de Bombeiros; que controlan a contorna por se prende lume. Aínda que non hai impedimento legal para celebrar os fogos, con estas condicións meteorolóxicas e ante a posibilidade de que se inicie algún foco por outras causas no municipio ou en municipios limítrofes, consideramos que é importante ter os nosos operativos de loita contraincendios dispoñibles”, afirmou.
O alcalde, Manuel Lorenzo Varela, subliñou que esta medida, adoptada por primeira vez, tamén se toma por respecto e solidariedade cos concellos afectados polos incendios: “Para un concello sempre é difícil cancelar unha actividade, pero como concellos temos responsabilidades co noso territorio e cos nosos veciños ante situacións críticas, como é o caso”, declarou, pedindo desculpas polas molestias que a cancelación poida provocar.