Chantada súmase ao sistema Viogen
O Concello de Chantada incorporarase proximamente ao sistema Viogen de protección das vítimas da violencia de xénero, que se aprobou nunha Xunta Local de Seguridade celebrada na Casa da Cultura. A reunión, tamén analizou o operativo de seguridade con motivo da 47 edición da Subida a Chantada.
Isabel Rodríguez aplaudiu a decisión do Concello e do alcalde de Chantada de sumarse aos concellos da provincia adheridos a Viogen, coa sinatura do procedemento operativo de coordinación e colaboración entre a Garda Civil e a Policía Local para garantir o cumprimento das medidas xudiciais de protección ás vítimas de violencia de xénero.
A subdelegada anunciou que “cando conclúa o proceso que hoxe poñemos en marcha formalmente, Chantada vai ser o quinto municipio da provincia no que a súa Policía Local colabora coa Garda Civil e a Policía Nacional na protección das vítimas da violencia de xénero”.
Ademais, Isabel Rodríguez informou de que a Garda Civil atendeu 2 denuncias por violencia de xénero en Chantada no que levamos de ano. En 2020 rexistráronse 7 e en 2019 foron 8 as denuncias presentadas por este motivo.
Subida a Chantada
En canto á 47 edición da Subida a Chantada, que se celebrará na fin de semana do 30 de xullo ao 1 de agosto, a subdelegada anunciou que a Garda Civil ten previsto poñer en marcha un dispositivo especial de seguridade, no que tamén participarán axentes do Subsector de Tráfico.
Ademais, fixo un chamamento a pilotos e público para que respeten escrupulosamente todas as normas de seguridade da carreira previstas pola organización, e destacou especialmente a necesidade de non baixar a garda e cumprir coas normas contra o coronavirus ditadas polas autoridades sanitarias.