Chantada súmase á campaña Toponimízate para preservar os nomes do territorio

O Auditorio Municipal de Chantada acolleu esta semana a presentación da campaña Toponimízate, impulsada pola Real Academia Galega e a Secretaría Xeral de Política Lingüística. O proxecto busca recoller e conservar o patrimonio cultural inmaterial que reside na toponimia, concienciando á cidadanía sobre o risco de perder estes nomes de lugar transmitidos de xeración en xeración.
A iniciativa apoia-se na aplicación colaborativa Galicia Nomeada, onde calquera persoa pode aportar nomes de viñedos, montes, fontes, penedos, regatos e outros elementos da paisaxe. Para dar a coñecer esta ferramenta, Vicente Feijoo, coordinador do proxecto e da Unidade Técnica de Toponimia da RAG, explicou o seu funcionamento e a importancia da colaboración cidadá.
Chantada, cun territorio de 176 km², conta actualmente con 849 topónimos rexistrados en Galicia Nomeada, dos cales 319 corresponden a aldeas ou entidades de poboación incluídas no Nomenclátor. Con todo, a maioría da microtoponimia —nomes de terras, montes, fontes ou penedos— segue sen recoller nas 36 parroquias do municipio. As parroquias con máis rexistros son Pedrafita e Sabadelle.
Entre os topónimos máis destacados atópanse nomes de posuidores medievais de orixe xermánica, como Argozón, Belesar, Bermún, Esmeriz, Esmori ou Mariz, comúns nos séculos IX e X, así como parroquias que conservan nomes prerromanos como San Xurxo de Asma ou San Salvador de Asma, con séculos de antigüidade.
O acto contou coa participación de profesoras de Lingua e Literatura Galega dos dous institutos de Chantada, IES Lama das Quendas e IES Val do Asma, e con alumnado que xa colaborou na recollida de topónimos o ano pasado, ampliando agora a iniciativa a novas zonas do municipio.
A concelleira de Turismo, Pamela Fernández Arias, encargada de presentar o acto xunto ao técnico de cultura Xosé Ramón Caamaño, subliñou o valor cultural e turístico dos topónimos “para ofrecerlles aos visitantes unha información lingüística, histórica e cultural do seu territorio moi valiosa e que non está escrita nos libros”.
Pola súa parte, Vicente Feijoo explicou a sinxeleza de participar en Galicia Nomeada e destacou a necesidade da colaboración veciña. “Só queremos salvagardar os nomes para que non se perdan porque entre a despoboación do rural e que cada vez máis xente abandona as tarefas agrícolas, pérdense máis nomes dos montes e das terras que non figuran en ningún catastro e en ningún mapa, só os sabe a xente maior. Ese valor é o que queremos conservar, pero é necesaria a colaboración veciñal para preservar todo este patrimonio”, subliñou.