Chantada retomará o Servizo de Madrugadores a partir do 9 de setembro

Co inicio do curso escolar, o Concello de Chantada, a través da Concellería de Igualdade, pon en marcha un ano máis o Servizo de Madrugadores nos colexios municipais.
O servizo, que busca favorecer a conciliación das familias, ofrece atención á infancia desde as 7:30 horas ata o comezo das clases, que se inician ás 9:30 no CEIP Plurilingüe Xoán de Requeixo e ás 8:55 no CEIP Plurilingüe Eloísa Rivadulla. No primeiro centro utilizan este servizo 37 nenos e nenas, mentres que no segundo o número é de 14.
O alcalde, Manuel Lorenzo Varela, destacou que “cada vez máis familias utilizan o servizo de madrugadores que poñemos en marcha durante o curso escolar. Atendemos á conciliación familiar tanto por motivos laborais como durante as vacacións. Desde o 21 de xuño e durante todo xullo, co servizo de madrugadores ofrecíase atención de 8:00 a 14:00 horas. Este tipo de servizos cada vez son máis demandados”.
Durante o verán, o Concello tamén organizou os Campamentos de Verán, nos que participaron ao redor de 250 nenos e nenas por quincena. Estes campamentos ofreceron un espazo de ocio e aprendizaxe, promovendo a creatividade, a educación en valores, o traballo en grupo, o respecto e a resolución de conflitos, así como a actividade física, o coñecemento do territorio e as habilidades sociais.
O alcalde sinalou que as actividades foron un éxito tanto pola participación como pola variedade de propostas: “Fixéronse actividades de botánica polo paseo fluvial cos máis maiores, visitaron o muíño para coñecer o noso patrimonio e tamén houbo actividades interxeracionais no centro de día, na residencia da terceira idade ou coa asociación de familiares de enfermos de alzhéimer”.
Ademais, na primeira quincena de agosto, o Concello desenvolveu un Campamento Dixital especialmente pensado para a mocidade, no que participaron unha vintena de rapazas e rapaces de entre 9 e 13 anos. Esta actividade buscou ensinar o uso seguro de internet e promover o uso responsable das ferramentas dixitais.