Chantada recibiu no 2024 un total de 768 peregrinos
No 2024 o número de peregrinos que pasou pola Oficina Municipal de Turismo do Concello de Chantada aumentou considerablemente respecto ao ano 2023, pasando de 443 a 768, o que supón un 73,4% de aumento. En xeral, todos os meses manifestaron un incremento, destacando marzo, agosto, setembro ou xullo que chegou a recibir 276 peregrinos. Precisamente de marzo a setembro é a tempada escollida pola maioría dos camiñantes.
Do total de peregrinos que pasaron pola Oficina Municipal de Turismo, o 74,8% eran españois e o 25,2% eran estranxeiros. A Comunidade de Madrid foi a que máis peregrinos aportou (99), seguida da Comunidade Valenciana (94), Cataluña (90), País Vasco (63) e Galicia (56). Os peregrinos estranxeiros procederon, maioritariamente, de Italia (36), Canadá (28), Estados Unidos (26), Francia (23) e Portugal (15).
O rexistro xeral de visitantes da OMT mostra un lixeiro descenso respecto ao ano 2023, sen ser allea á tendencia á baixa que se deu de modo xeneralizado no xeodestino Ribeira Sacra. Aínda así nos meses de febreiro, marzo, maio, agosto (1.284) e novembro superáronse os visitantes do 2023.
Durante o ano 2024, o turismo nacional representou o 91,7%, e o turismo internacional o 8,2%. A maior parte dos visitantes procedían de Galicia (38,7%), seguidos de Madrid (32,6%), Cataluña (17,9%), País Vasco (14,4%) e Andalucía (8,3%). Respecto ao turismo internacional, Francia (1,09%) ocupou o primeiro lugar en canto a visitantes que pasaron pola Oficina Municipal de Turismo, seguido de Reino Unido (1,03%), Italia (0,9%), Arxentina (0,7%) e Estados Unidos (0,7%).
Manuel Lorenzo Varela, alcalde do Concello de Chantada asegura que, “Desde o Concello traballamos para ofrecer os mellores servizos posibles e unha estancia agradable no noso concello para turistas e peregrinos, ademais de facer unha boa promoción dos nosos recursos. Cada vez máis xente visita Chantada e estamos seguros de que no 2025 máis xente se achegará a coñecer o corazón de Galicia”.
Promoción turística on line
A información turística do Concello de Chantada complétase coa páxina web de turismo e as redes sociais de #ChantadaTurismo que se puxeron en marcha no 2016, sendo un dos primeiros municipios de Galicia, sen ser cidades, en lanzar redes específicas para turismo. Así en Facebook e Instagram o turismo de Chantada suma case 14.000 seguidores e conta cunha grande interacción por parte dos visitantes.