Chantada, Quiroga, Carballedo e Ribas de Sil incorpóranse ao Servizo de Hospitalización a Domicilio do distrito de Monforte

A Xunta ampliará o servizo de hospitalización a domicilio no distrito sanitario de Monforte de Lemos coa incorporación dos concellos de Chantada, Carballedo, Quiroga e Ribas de Sil, unha medida que permitirá acadar o 98 % da poboación do distrito e arredor do 95 % da provincia de Lugo.
O anuncio realizouno este martes o conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, durante unha visita ao centro de saúde de Chantada, onde explicou que a posta en marcha dun segundo equipo de Hospitalización a Domicilio (HADO) permitirá reorganizar o traballo e ampliar a cobertura ata máis de 43.000 persoas, unhas 15.000 máis ca na actualidade.
Para facer posible esta ampliación, o Sergas incorporará un médico máis e outras tres enfermeiras, ademais de habilitar un novo vehículo para cubrir os desprazamentos. Gómez Caamaño subliñou que este servizo permite ofrecer “coidados hospitalarios complexos desde o propio fogar”, o que supón “un factor de calidade e de humanización que fai máis grande o sistema sanitario público”.
Ata agora, o equipo de HADO con base no hospital de Monforte de Lemos atendía pacientes de Monforte, Bóveda, A Pobra do Brollón, Pantón, Sober e O Saviñao, con arredor de 260 persoas atendidas. Co novo equipo, o servizo estenderase aos novos concellos incorporados.
Durante a visita, o conselleiro tamén destacou as melloras realizadas pola Xunta no centro de saúde e no PAC de Chantada, cun investimento de 100.000 euros. As actuacións incluíron a creación dunha nova consulta de admisión e dunha sala de espera no PAC, a remodelación das áreas de admisión e fisioterapia, a instalación de baños adaptados e a renovación de equipamento, ademais da dixitalización da sala de radioloxía.
Gómez Caamaño reafirmou o compromiso do Goberno galego coa atención primaria como eixo do sistema sanitario e avanzou que se estudiarán novas necesidades expostas polo concello para seguir mellorando a asistencia sanitaria na zona.