Chantada Quere Sanidade vén de rexistrar unha queixa pola situación sanitaria na oficina da Valedora do Pobo
Chantada Quere Sanidade participou nunha manifestación convocada por SOS Sanidade diante do Parlamento en Santiago pedindo que os orzamentos que se destinan a sanidade sexan máis xustos e permitan frear a caída libre que esta experimentando a sanidade pública en todo o territorio.
Así, centos de persoas chegadas dende distintos puntos de Galicia congregáronse para esixir "unha maior dotación orzamentaria para garantir unha sanidade pública e que se revertan as problemáticas que se están a dar tanto na atención primaria como na hospitalaria froito de un desleixo consciente durante anos por parte da administración", explican desde a plataforma de Chantada.
Ademais, aproveitando a ocasión, dende a plataforma aproveitaron para rexistrar unha queixa na oficina da Valedora do Pobo na que explicamos a situación "abafante que se está a vivir na atención primaria de Chantada e na atención de urxencias na zona de Chantada e Carballedo", indican.
Esta situación, segundo sosteñen desde Chantada Quere Sanidade, "repercute directamente no Hospital de Monforte e o máis importante, na saúde de todos nós, polo que seguiremos tentando exercer presión para reclamar unha sanidade digna".
Entre as actuacións, a semana pasada enviaron unha carta ao xerente e agora rexistran unha queixa á valedora do pobo, pero din que seguirán desenvolvendo accións, como a recollida de sinaturas e queixas e acompañando ás plataformas veciñas en defensa da sanidade, sendo a próxima cita en Monforte o día 21 ás 20.00 horas.
Ademais, anuncian que están a traballar para desenvolver unha gran manifestación polas rúas de Chantada o 13 de xaneiro, "todo en favor da sanidade pública, a de todos, para que conte con unhos orzamentos xustos e unhos mellores servizos para todos nós", conclúen.