Chantada Quere Sanidade denuncia o “colapso” do Hospital Comarcal de Monforte

RibeiraSacraXa
Alertan dunha sobrecarga asistencial nos últimos meses e critican o peche da planta de Especialidades durante o verán
concentración-Chantada-quere-sanidade
Imaxe dunha mobilización de Chantada Quere Sanidade
27 Jun 2025

Chantada Quere Sanidade denuncia que, durante os últimos meses, o Hospital Comarcal de Monforte está a vivir unha situación de “asfixia” polo elevado número de pacientes que acudiron a dito hospital. Unha situación que din, fíxose especialmente grave durante este primeiro semestre do ano en comparación con anos anteriores.

Como consecuencia, explican, “o servizo de urxencias mantívose nunha situación de asfixia case continua dende principios de ano, unha situación que tamén se trasladou ás plantas, que rexistraron unha ocupación superior á habitual”.

Esta sobrecarga de traballo, explican, “puxo en evidencia a rixidez dunha sanidade pública incapaz de adaptarse ás demandas en tempo e forma, resolvendo a situación dun xeito improvisado e ineficaz, con riscos para os doentes e unha excesiva presión para os traballadores”.

Por Chantada Quere Sanidade denuncia que o colapso débese “ao incremento de pacientes derivados dos centros médicos da área sanitaria”. Moitos deles, din, “son atendidos en urxencias e reciben alta tras a consulta ou ben ingresan en planta, pero aos poucos días regresan por recaídas. Segundo os datos dispoñibles, estas recaídas son moito máis frecuentes do habitual, o que nos leva a concluír que se lles priva dun tempo adecuado de recuperación con altas prematuras, priorizando a liberación de camas para novos ingresos”.

Ademais, consideran que a situación podería agravarse durante o verán, xa que “a dirección do Hospital agudiza estes problemas coa súa intención de pechar ata finais de setembro ou principios de outubro a planta de Especialidades”. O peche, inicialmente previsto para o 15 de xuño, debido á alta ocupación da planta, foi sucesivamente adiado ao 20, logo ao 26 e, finalmente, producirase, se nada cambia, o domingo 29 deste mes.

Dende o hospital xustifican que a medida débese á necesidade de realizar o mantemento das instalacións, pero dende Por Chantada Quere Sanidade pensan que “a realidade é ben distinta”. Os traballos, din “non comezarán ata finais de verán e os traballadores da planta pechada serán destinados a cubrir vacacións noutras áreas do hospital polo que creemos que este é o verdadeiro motivo do peche, e non contratar o persoal necesario”.

Explican que o peche desta planta, “xerará novos problemas, xa que os pacientes serán trasladados a outras plantas, como as de Medicina Interna ou Traumatoloxía” e alertan de que este tipo de movementos “non sempre se realizan coas garantías sanitarias necesarias, pois a escaseza de camas provoca situacións alarmantes, como a convivencia de doentes infecciosos con persoas recentemente operadas ou mesmo en planta de maternidade”.

Dende a plataforma insisten en que “a Sanidade Pública é un dos bens máis prezados que temos como sociedade”, polo que piden solución urxentes ante este problema.

⚙ Configurar cookies
0.16813611984253