Chantada puxo fin este sábado ao seu Verán Cultural de 2025 despois de dous meses de actividades

O Concello de Chantada puxo fin este sábado ao Verán Cultural de 2025 cun espectáculo de humor e maxia titulado ‘Flash and Borther’, que tivo lugar na Praza do Cantón.
Desde o 2 de xullo ata o 30 de agosto, Chantada encheuse de actividades con espectáculos de maxia, cine, teatro, música, circo e propostas infantís para todos os públicos.
A Praza do Cantón foi, durante dous meses, o espazo central deste ciclo cultural. Por alí pasaron espectáculos como ‘Maxicamente’, que abriu o programa de actividades, ‘A galiña Josefina’, dirixida ao público infantil, concertos como o de Iberia Marina ou espectáculos de clown. A rúa Xoán XXIII ou a Praza de Galicia acolleran tamén diversas actividades como o concerto de Roi Casal ou as actuacións do Mago Antón, A banda dos insectos, Sinfonía Caótica ou o show de malabares Conciencia Malabar.
A música tradicional tamén tivo o seu espazo coa actuación da Banda de Música de Chantada dentro do ciclo ‘Noites á luz da lúa’. Ademais, houbo tempo para o cine, o teatro e, por suposto, as celebracións, que chegaron coas Festividades Patronais.
O alcalde de Chantada, Manuel Lorenzo Varela, destacou a variedade e calidade das actividades, pensadas principalmente para desfrutar en familia e gozar de algúns dos puntos máis emblemáticos da vila do Asma.