Chantada promove obradoiros nos colexios e reparte guías con motivo do 25 N

RibeiraSacraXa
Con motivo do 25 de novembro, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller, o Concello de Chantada levará a cabo unha campaña baixo o lema 'Súmate!', co obxectivo de mobilizar a todos os veciños e veciñas e convertelos en activistas.
Chantada 25N
16 Nov 2023

Con motivo do 25 de novembro, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller, o Concello de Chantada levará a cabo unha campaña baixo o lema 'Súmate!', co obxectivo de mobilizar a todos os veciños e veciñas e convertelos en activistas.

A iniciativa pretende que a veciñanza se solidarice coas mulleres que sofren violencia e sexan defensores dos dereitos das mulleres, "evitando así o retroceso nestes dereitos  de cara a conseguir un mundo máis igualitario, libre e xusto", explican desde o goberno local.

Durante estes días, ademais, repartiranse nos establecementos do Concello carteis con mensaxes que referencien distintos aspectos da problemática desta violencia.

Tamén se promoverán charlas e obradoiros nos colexios e institutos da vila para previr condutas sexistas, xa que "o sexismo se aprende dende a infancia e a igualdade tamén, polo que se debe traballar coa cativada e a rapazada nos distintos centros educativos", sosteñen.

Neste senso, distribuiranse as guías Preme Off ao alumnado dos dous CEIP da vila. Estes manuais están deseñados para reducir a fenda dixital entre nais, pais e fillos, fomentando o uso responsable das tecnoloxías.

Con respecto á Biblioteca Pública Municipal de Chantada, esta tamén acollerá distintos contos con motivo do 25 N, na que se levará a cabo a lectura dun manifesto.

campaña_25_n_chantada
0.20078706741333