Chantada presenta o programa completo do Entroido 2025

O Entroido no Concello de Chantada dará comezo o domingo 16 de febreiro, coñecido como Domingo Lambedoiro. Esta xornada marca o inicio dun dos entroidos máis tradicionais da Ribeira Sacra, o Entroido Ribeirao, que se celebrará a partir das 16.00 horas en Santiago de Arriba. Antes diso, ás 11.30 horas, terá lugar o desfile da Xuntanza de Entroidos polas rúas de Chantada, un evento organizado polo Entroido Ribeirao que este ano contará coa participación do Entroido de Viana do Bolo, os Farrumecos de Sobradelo, o Oso de Salcedo e os Troteiros de Bande.
O Entroido Ribeirao, de especial interese polo seu carácter etnográfico, continuará coas súas representacións no Domingo Corredoiro, Domingo de Entroido e Martes de Entroido, que este ano se celebrará o 4 de marzo.
Desfile de Comparsas
O Desfile de Comparsas do Concello de Chantada, como en anos anteriores, contará coa colaboración do Entroido Ribeirao, que será o encargado de abrilo. Este evento celebrarase o 1 de marzo ás 18.00 horas na Avenida de Lugo, á altura de DomusVi.
As bases do evento, dispoñibles na web do Concello de Chantada, establecen dúas categorías principais. A categoría Comparsas Adultos estará destinada a grupos formados por máis de 15 persoas, mentres que a categoría Comparsas Infantís estará reservada para aqueles grupos de máis de 15 integrantes compostos integramente por menores de 14 anosou con polo menos un 70 % de membros menores desta idade.
Os premios para ambas categorías serán de 700,00 euros para o primeiro posto, 500,00 euros para o segundo e 300,00 euros para o terceiro. Ademais, este ano incorpóranse novas categorías de carácter local, compatibles coas anteriores, que outorgarán 500,00 euros para o primeiro posto, 300,00 euros para o segundo e 200,00 euros para o terceiro, tanto na modalidade de adultos como na infantil.
Para fomentar a participación, cada comparsa de máis de 15 integrantes recibirá unha axuda de 100,00 euros, que se concederá a un máximo de 10 comparsas. No caso de superar esta cantidade, priorizarase a orde de inscrición. En total, o Concello de Chantada destina 6.000 euros a este desfile, dos cales 5.000 euros estarán destinados a premios e 1.000 euros a axudas.
Ao remate do desfile, a celebración continuará coa actuación da orquestra La Travesía, que porá o broche final á xornada.
As inscricións para participar no desfile poderán realizarse no Rexistro do Concello ou chamando ao 982 440 011. Segundo o publicado no BOP, o prazo de inscrición permanecerá aberto ata o 26 de febreiro.
O xoves 27 de febreiro ás 20.00 horas, celebrarase unha reunión obrigatoria na Casa da Cultura, na que deberá estar presente polo menos un representante de cada comparsa. Durante esta reunión, entregarase o audio dun máximo de 3 minutos que será reproducido durante o desfile. Ademais, resolveranse dúbidas e establecerase a orde de saída de cada comparsa no percorrido.
O xurado, encargado de valorar as actuacións, puntuará de 1 a 10 diversos aspectos, como a orixinalidade e o deseño do vestiario, a posta en escena durante o desfile, a simpatía e a graza dos participantes, a creatividade da carroza ou plataforma, o título da comparsa ou grupo e a actuación final fronte ao palco.
Con esta programación, Chantada prepárase para vivir un Entroido cheo de tradición, cor e alegría, no que veciños e visitantes poderán gozar dun ambiente festivo único.