Chantada presenta o programa completo da XLII Feira do Viño

RibeiraSacraXa
Será do 7 ao 9 de marzo e contará coa participación de 15 adegas
presentacion-feira-do-viño-chantada-2025
Presentación da XLII Feira do Viño de Chantada
26 Feb 2025

Do 7 ao 9 de marzo, Chantada celebra a XLII edición da súa Feira do Viño, que abre un ano máis o calendario de Feiras do Viño na D.O. Ribeira Sacra.

Este martes, o concelleiro de Cultura de Chantada, Manuel Diéguez, acompañado por representantes das adegas e membros da organización da Feira, deu a coñecer os detalles do evento.

Na 42ª edición da Feira do Viño de Chantada participarán 15 adegas: Adega Lareu Sabatelivs, Adegas e Viñedos Vía Romana, Adega Amedo, Adega Condado de Sequeiras, Adega Albarduxe, Adega Cabo do Mundo, Adega Pilares de Belesar, Adega Instinto Romano, Adega Castrofiz, Adega Os Cipreses, Adega Alouviño, Adega Enonatur, Adega Calexotes, Adega Santa María de Nogueira e Adega Teijeiro Lemos.

A Feira terá lugar, como é habitual, na carpa instalada na Avenida de Monforte, á altura da Praza de Galicia. Os postos de viño abriranse o venres ás 20.00 horas e permanecerán operativos durante toda a fin de semana.

Este ano, como novidade, haberá unha carpa dedicada á exposición e venda de produtos gastronómicos, que se instalará xunto á carpa principal, na rúa Ánxel Gómez Montero. “O formato da Feira está consolidado e funciona, aínda que nesta ocasión introducimos algunhas novidades, como esta carpa para concentrar os produtos gastronómicos ou o cambio de data da cata oficial, que pasará a celebrarse o sábado pola mañá”, explicou Manuel Diéguez, concelleiro de Cultura de Chantada.

Nesta 42ª edición, o pregoeiro será D. José Luis Blanco Diéguez, natural do Concello de Chantada e CEO da empresa alemá Nordex. A súa intervención terá lugar o domingo ás 13.00 horas.

Durante a celebración da Feira, as botellas de viño terán un prezo mínimo de 9 euros e só se poderán adquirir nos postos das adegas participantes. Os postos de polbo e gastronomía non venderán viño.

Manuel Diéguez convida a todo o mundo a asistir á primeira Feira do Viño da D.O. e confía en que o clima acompañe: “Esperamos que este ano teñamos mellor tempo que o pasado, aínda que, en calquera caso, os asistentes fieis á Feira, que cada ano son máis, veñen independentemente do clima. Cada vez acompáñanos máis xente para probar o viño das ribeiras de Chantada, o que demostra que tratamos ben a quen nos visita e que teñen ganas de festexar os nosos viños”, concluíu.

A programación da Feira inclúe actividades de balde para os máis pequenos, como a Ocioteca Infantil, dirixida a nenos maiores de tres anos, que se desenvolverá na Casa da Música. Os talleres, a cargo de Velaísca, terán horario de 12.00 a 14.00 horas e de 16.00 a 20.00 horas durante o sábado e o domingo.

Para os profesionais do sector, a sala principal do Auditorio Municipal acollerá o V Túnel do Viño de Chantada, que se desenvolverá durante a fin de semana en horario de 11.30 a 14.00 horas e de 18.00 a 20.30 horas. O prezo da entrada será de 10 euros.

Coincidindo coa Feira do Viño, celebrarase a XVI edición da Feira de Oportunidades e a XV Mostra de Produtos de Artesanía, organizadas pola Asociación de Empresarios de Chantada CCA Ribeira Sacra.

Consulta o programa completo da XLII Feira do Viño de Chantada

⚙ Configurar cookies
0.17254996299744